Ampliada aos domingos a peonalización de San Andrés

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou que das 08.00 ás 21.00 horas, a cidadanía será protagonista dunha rúa que se está reactivando grazas a esta iniciativa

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá a ampliación aos domingos do peche do tráfico rodado en San Andrés co fin de que a veciñanza desfrute do bulevar sen a irrupción dos coches e impulsar de paso o comercio e a hostalaría dunha zona que brillou noutrora e que se está reactivando grazas a esta iniciativa: “Este domingo, en concreto, poderase camiñar por San Andrés das 08.00 ás 21.00 horas para que a xente se adapte ao cambio de hora programado para esta fin de semana”. Tras comprobar o éxito de peonalizala os sábados pola tarde, de 16.30 a 21.00 horas, o Concello estende agora esta medida aos domingos de 10.00 a 21.00 horas nunha aposta por crear máis espazos públicos e que as persoas sexan protagonistas.

Neste aspecto, coincidirá coa apertura este sábado do peirao de Transatlánticos á cidadanía: “Os coruñeses volveremos ver a cidade deste este peirao 20 anos despois. É unha gran nova que celebramos desde o Concello e que levabamos pedindo desde hai moitos meses”.

Canto a San Andrés, o Goberno de Inés peonalizouna por primeira vez con motivo do Día sen Coches no pasado mes de setembro, e seguiuno facendo durante os sábados seguintes despois de que tanto veciñas/os como comerciantes comprobasen que a rúa recuperaba o ambiente que tiña no pasado. Desta forma, esta medida provisional será a antesala dunha gran reforma en que San Andrés se converterá nunha espiña dorsal sobre a que se asentará un modelo de espazo público diverso, compacto e socialmente cohesionado. A humanización desta rúa conseguirase gañando metros cadrados para a estancia e o lecer, reforzados con mobiliario urbano e árbores, así como impulsando o seu carácter comercial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.