Aprobada por unanimidade a iniciativa socialista para redefinir “en consenso cos concellos” os xeodestinos turísticos

Leticia Gallego censura a “deixadez” da Axencia Galega de Turismo e “a falla de consenso” da Xunta ao “non escoitar aos concellos”

O Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade a iniciativa socialista para “abrir un proceso de diálogo” co concellos e deputacións para “estudar e redefinir” posibles cambios no mapa actual de xeodestinos. A proposición non de lei presentada pola voceira de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, foi aprobada por unanimidade polos grupos da Cámara, logo dunha transacción no texto co PP.

Gallego criticou a “deixadez total” da Axencia de Turismo de Galicia con respecto ao mapa de xeodestinos de Galicia. Así, lamentou a “falla de planificación e diálogo” cando existen conflitos cos concellos, “que non son escoitados polo goberno galego” á hora de elaborar o mapa.

Así, Gallego lamentou a “confusión xerada pola Xunta” en torno ao concepto de xeodestino, o que “resta eficacia á hora de converterse nun instrumento impulsor” do turismo e “resulta especialmente grave” no marco da pandemia, cando o turismo “precisa claridade e políticas de estímulo para sobrepoñerse aos efectos da covid”.

Así, instou á Xunta a “abrir un proceso de diálogo” cos concellos e deputacións para “estudar e redefinir” posibles cambios no mapa actual de xeodestinos. Deste xeito, “logo de ser escoitadas as suxestións dos municipios e feitos os cambios oportunos”, estes “deberían adquirir un verdadeiro carácter oficial coa súa publicación no DOG”.

Nesta liña, tamén esixiu que o goberno galego desenvolva o marco normativo e defina con claridade o proceso de creación dos xeodestinos, así como a definición dos seus órganos xestores, funcións, competencias e mecanismos de modificación.

TEXTO APROBADO:

“O Parlamento galego insta á Xunta a:

Que unha vez atendidas as consultas e achegas relativas á modificación do mapa de xeodestinos presentadas polas entidades locais e, segundo o artigo 23 da lei de turismo de galicia, previa consulta aos concellos e entidades supramunicipais, proceder á elaobración e publicación do mapa definitivo dos xeodestinos turísticos de Galicia, así como a desenvolver un marco normativo que regule esta figura e a definición dos seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.