Balseiro interésase no Parlamento pola obra da nova senda peonil e mellora da ponte de Valdriz en Láncara

O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, vén de formular unha pregunta ante a Comisión de Infraestruturas da Cámara galega na que se interesa pola obra da nova senda peonil e mellora da ponte de Valdriz no municipio lucense de Láncara. A nova vía, paralela á estrada LU-621, está enmarcada dentro do plan de sendas de Galicia promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e no que se prevé a construción de itinerarios peonís e ciclistas na marxe das estradas de titularidade autonómica.

O parlamentario quere saber en que situación concreta se atopa este proxecto, que razóns motivaron a paralización temporal dos traballos de execución desta obra e as previsións que manexa a administración autonómica para concluír e poñer en servizo a nova infraestrutura. Tamén se interesa polas xestións comprometidas polo Concello, se se fixeron, pois no seu momento o Goberno local dixo que colaboraría en axilizar a disposición dos terreos e permisos necesarios para executar con celeridade os traballos pendentes.

Balseiro sinala que a nova senda peonil, na que a Xunta inviste máis de 700.000 euros, está deseñada para que se integre na paisaxe e sexa segura. Esta obra exixiu longos e complexos trámites previos que incluíron a expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo esta actuación, un proxecto técnico para a construción dunha nova rotonda en substitución do cruce que existe actualmente, o ensanche do trazado da estrada e outras medidas como a creación dunha pasarela sobre o río ampliando a plataforma da ponte con lousa de formigón. Con todo, tamén foi necesario planificar unha actuación non prevista inicialmente consistente no soterrado da liña de evacuación hidroeléctrica que se atopa nas proximidades da ponte, o que obrigou a realizar un contrato complementario e obter os correspondentes permisos.

O deputado popular lembra que, a pesar de terse iniciado os traballos de execución hai meses, a obra sufriu varias paralizacións o que provoca inconvenientes nos usuarios da vía, dado que a ponte é o principal medio de acceso a unha urbanización próxima. Nese senso, pide que se adopten todas as medidas necesarias para dar un novo impulso a esta infraestrutura e que sexa unha realidade o antes posible. Para Balseiro, unha vez concluída a obra, suporá un cambio moi positivo para a zona e un espazo de paseo que incorpora unha mellora substancial no acceso á urbanización de Valdriz.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.