ButacaZero festexa o Día Mundial do Teatro con dúas funcións de 32m2 en Arteixo e Cee

A plataforma creativa, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, propón unha obra de teatro absurdo con música orixinal de Rodrigo Cuevas e que nace da experiencia do tándem artístico durante o encerro

ButacaZero celebrará o Día Mundial do Teatro sobre as táboas. A plataforma creativa dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira levará 32m2, o seu novo espectáculo, ás localidades de Cee e Arteixo esta fin de semana. O proxecto, unha peza de teatro absurdo sobre o encerro da pasada primavera, propón unha viaxe cara un pasado recente a través de cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na “vella normalidade”.

A peza, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” ante unha situación que marcou, e marcará, a vida de toda unha sociedade. Así, a través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e Xurxo Cortázar) unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación.

A nova produción de ButacaZero preséntase ao público galego a través dunha Xira confinada, unha serie de funcións que se desenvolverán até o 20 de xuño. Logo da estrea en Vigo e o seu paso por Rianxo, Vilalba e Muros, 32m2 chega este venres 27 á Costa da Morte, concretamente, ao Auditorio da Casa da Cultura de Cee (20.00 horas). Ao día seguinte, o sábado 28, o Centro Cívico Cultural de Arteixo acollerá unha nova representación do espectáculo. Xa de cara á semana que vén, os días 31 de marzo e 1 de abril, o Teatro Principal de Pontevedra será o espazo no que o público poida gozar desta traxicomedia.

O TEXTO EN PAPEL


A estrea e xira de 32m2 A acompáñase da publicación en papel do libro homónimo, que tamén asina a mesma Esther F. Carrodeguas. O texto, publicado por Edicións Positivas, pódese adquirir tanto a través da páxina web, coma en diferentes librarías de Galicia coas que traballa habitualmente a editorial. É o caso de Abrente e Miranda (Bueu), Aira das letras (Allariz), Ártico (Santiago), Cándido (Rianxo), Cartabón e Mendinho (Vigo), Central (Ferrol), Couceiro, Numax e Pedreira (Santiago de Compostela), Eixo e Tanco (Ourense), Escolma (Carballiño), Lectocosmos (Lugo), Lenda (Bertamiráns), Ler (Carballo e A Pobra), Libraida (Gondomar), Marxe (A Estrada), Metáfora e Nobel (Pontevedra), Milfollas (Ponteareas), Moito Conto, Suevia e Xiada (A Coruña,) Murciego (O Barco de Valdeorras), Nigraponte (Lalín), Nobel (Burela), Porta da Vila (Viveiro), Sementeira (Noia) e Wells (Cangas).

A COMPAÑÍA


ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con 32m2,o tándem aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.

Foto portada: © Serxo González 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.