ButacaZero presenta esta fin de semana a súa nova creación, 32m2

A plataforma dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira propón, no aniversario do confinamento de 2020, unha traxicomedia sobre o encerro da pasada primavera que se basea na propia experiencia dos autores da peza


Esta fin de semana, coincidindo coa celebración do primeiro aniversario do confinamento por mor da covid-19, ButacaZero estrea en Vigo o seu novo espectáculo: a traxicomedia 32m2, unha peza de teatro absurdo que ten como base a propia experiencia dos autores durante ao encerro da pasada primavera.

O novo proxecto de Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas chega ao Auditorio Municipal con todas as entradas esgotadas para as funcións do venres 12 e sábado 13. A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan (Nuria Gullón e Xurxo Cortázar) unha parella que se considera “antisistema” e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación. Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e o os ritmos frenéticos impostos na “vella normalidade” serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e “sandadora” ante unha situación que marcou, e marcará, a vida de toda unha sociedade.

“Cremos que todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20h, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras. Con ela propoñemos botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a nosa sociedade e recoñecernos en situacións absurdas que nos permitan comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marchou ou quen deixou o mellor de si mesmos nesta distopía”, expoñen Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira.

Próxima parada, Rianxo

32m2 preséntase ante o público a través da Xira confinada, unha serie de funcións que chegarán a distintas localidades galegas entre os días 12 de marzo e 20 de xuño de 2021. Así, e logo da súa estrea en Vigo, o espectáculo representarase o 14 de marzo -aniversario da declaración do Estado de Alarma- a Rianxo, cidade natal de Carrodeguas.

Á semana seguinte, a nova peza de de ButacaZero xirará por auditorios de Vilalba, Muros, Cee e Pontevedra. No mes de abril, 32m2 presentarase en Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa ou As Pontes de García Rodríguez, entre outras.  As funcións desta Xira confinada continuarán no mes de maio en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, mentres que no mes de xuño a compañía achegará a súa máis recente creación a poboacións como Ferrol, Cedeira ou Tomiño. Todas as datas desta Xira confinada pódense consultar na páxina web.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.