Caballero destaca que o recurso do fallo de Meirás amosa “o compromiso do Goberno co resarcimento da memoria e a loita contra os privilexios dos Franco”

O líder do PSdeG defende que o uso fundamental do pazo sexa a memoria democrática e advirte ao PP de que “non tente branquear o franquismo” desvirtuando o fin principal

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa satisfacción pola decisión do goberno de España de presentar recurso de casación en relación ao Pazo de Meirás. “Sempre trasladamos que a nosa posición é que non queremos pagar nin un só euro aos Franco”, subliñou o líder socialista.

Coa vista posta no proceso xudicial, Gonzalo Caballero deu conta de que, como pediu o PSdeG, a Secretaría de Estado de Memoria Democrática explorou “todas as vías legais” para impulsar un recurso que se presentará no último momento, como é usual, para “non dar pistas” aos Franco. Con todo, non ocultou que o procedemento “ten complexidades” xurídicas.

Iso sí, a decisión de recurrir, como recalcou o máximo dirixente do PSdeG en compañía dos seus vicevoceiros Pablo Arangüena e Paloma Castro, evidencia que o de Pedro Sánchez é “o goberno máis comprometido co resarcimento da memoria democrática e coa loita contra os privilexios herdados pola familia Franco”.

“Ninguén pode dubidalo”, enfatizou Gonzalo Caballero, á vista da “retirada do ditador do Val dos Caídos, a loita por acadar para o público o Pazo de Meirás ou os traballos de recuperación da memoria”.  “E agora esperamos non ter que pagar nin un só euro aos Franco”, concluíu.

Ademais, con respecto aos usos que debe ter o Pazo de Meirás, o responsable socialista criticou “o paripé” da Xunta “de poñerse coa boca pequena detrás do goberno de España” pola recuperación mentres rexeita que sirva para fomentar a memoria democrática. “Que non tente branquear o franquismo”, advertiu.

Xuntanza con Feijóo

Por outra banda, Gonzalo Caballero recriminou a Feijóo que “recuase” onte no seu compromiso de manter un encontro cos grupos da oposición para traballar pola reconstrución de Galicia.

“Erra”, sinalou, “porque é momento de compartir plantexamentos para saír desta crise con máis forza”. De feito, o líder do PSdeG indicou que a situación require “buscar sinerxias no arco parlamentario e coa sociedade civil” para traballar na modernización de Galicia, para falar da creación de emprego e para loitar contra a desigualdade que deixa a pandemia.

Fixo fincapé no feito de que nos máis de seis meses que pasaron dende que Feijóo formou goberno, o presidente do executivo estatal, Pedro Sánchez, mantivo xa varias xuntanzas coa oposición.

Ademais, Gonzalo Caballero chamou a Feijóo a “rectificar” e poñer a traballar a comisión de reconstrución coa que Feijóo “tenta excusar a súa falla de vontade de acordo”. “A comisión leva meses inactiva”, recordou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *