Chamamento de Inés Rey para que os coruñeses acudan ao cribado masivo

A alcaldesa de A Coruña visitou esta mañá o dispositivo habilitado polo Sergas e o Concello da Coruña en que se lle realiza un cribado masivo a máis de 153.000 persoas da cidade

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o dispositivo habilitado polo Sergas e o Concello da Coruña en que traballarán durante os próximos seis días axentes da Policía Local, persoal de Protección Civil e sanitario, nun cribado masivo a 17.000 veciñas e veciños da Coruña co fin de detectar casos activos da Covid-19 na cidade. A alcaldesa fixo un chamamento á poboación para que acuda a facerse o test de saliva porque “redundará nun maior seguimento da epidemia que aínda non temos controlada”, recalcou a rexedora, “debemos facer un esforzo para que os datos melloren aínda máis”.

Rey trasladoulle á coordinadora do dispositivo do Sergas “a máxima colaboración do Concello da Coruña en todo o que precisen canto a loxística, operatividade ou en materia de seguridade”. Ademais, saudou as persoas integrantes da Policía Local e Protección Civil para lles agradecer “o grande esforzo” que están a facer non só estes días, “senón durante todo este ano de pandemia”. A alcaldesa quixo poñer en valor “a importancia do funcionariado público para atallar esta crise sanitaria”.

Dentro do Pavillón dos Deportes de Riazor, o Concello habilitou varios espazos provisionais dedicados exclusivamente ao persoal do Sergas como un almacén, un comedor ou un despacho para que as e os traballadores estean o máis cómodos posibles nos labores de análise, xestión e envío de probas aos laboratorios.

O Concello da Coruña tamén está a colaborar na proba de vacinación masiva contra a Covid-19 que o Sergas realizará mañá en Expocoruña a 4.000 persoas de entre 50 e 55 anos da área sanitaria da Coruña con apelidos comprendidos entre o H e o L. A rexedora recalcou a “importancia de que as persoas convocadas a través dunha SMS acudan á cita” xa que “a colaboración cidadá é moi importante para contermos a expansión do virus”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.