Cláusulas sociais nos contratos de limpeza municipal en A Coruña para “mellorar a calidade de vida” de máis de 200 traballadores

“Poremos orde en 40 contratos ata agora dispersos e, a diferenza do que aconteceu nos últimos anos, empregaremos criterios cualitativos para atallar a precariedade no sector”, sinalou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, reuniuse hoxe cos representantes de tres sindicados (CIG, CCOO, UGT) e dúas patronais (AELCO e ASPEL) do sector da limpeza, para escoitar as súas demandas e para lles informar sobre os plans do executivo de regularización e mellora dos servizos que se prestan nas diferentes dependencias municipais.

Tanto sindicatos como patronais agradeceron a oportunidade de interlocución directa co Concello, nun encontro inédito ata agora e que abre a porta a unha maior coordinación e a nunha redución da conflitividade laboral.

Lage Tuñas explicou que actualmente o Concello suma 40 contratos de limpeza, que supoñen un investimento de 4 millóns de euros anuais e dan traballo a máis de 200 persoas, principalmente mulleres. “As nosas preocupacións son evitar a precariedade laboral asociada en moitos casos a este sector, mellorar a calidade do servizo e incluír criterios unitarios para evitar agravios entre persoas empregadas que desenvolven unha mesma actividade”, indicou Lage Tuñas, quen apuntou como principal obxectivo a inclusión de cláusulas sociais nos pliegos de contratación, co fin de garantir que as empresas que contratan coa Administración xeneren emprego de calidade e cumpran co servizo nas mellores condicións.

Deste xeito, os criterios cualitativos terán un peso maior nos concursos, nos que o prezo ofertado xa non será o único elemento a considerar. “Poremos orde en 40 contratos ata agora dispersos e, a diferenza do que aconteceu nos últimos anos, empregaremos criterios cualitativos para atallar a precariedade no sector”, indicou o concelleiro e portavoz do Goberno local.

Os novos contratos municipais buscarán apuntalar a estabilidade laboral, primando a contratación indefinida e a tempo completo sobre outro tipo de vinculacións laborais. Ademais, puntuará tamén o feito de que as compañías adxudicatarias ofrezan aos seus empregados/as actividades formativas, plans de igualdade, melloras nas coberturas sociais e facilidades para a conciliación da vida laboral coa familiar, entre outras cousas.

O Concello, explicou Lage Tuñas, nomeará un coordinador para todos os servizos de limpeza, persoa encargada de auditar o cumprimento escrupuloso dos pregos tanto no que afecta á prestación do servizo como no ámbito laboral. Os novos contratos, ademais, primarán a aquelas empresas que inclúan ofertas de emprego para coletivos de difícil inserción laboral, nomeadamente as persoas menores de 30 anos en situación de desemprego, co fin de contribuír así a reducir o paro entre as e os xóvenes, colectivo que rexistra as taxas máis elevadas.

“Inés Rey trasladounos a necesidade de impulsar desde o Concello medidas para facilitar a inserción laboral e para xerar emprego de calidade”, indicou Lage Tuñas, quen recordou que as cláusulas sociais estanse a introducir tamén na maioría dos concursos convocados desde o consistorio.

A reorganización da limpeza non suporá a súa unificación nun único contrato, explicou o concelleiro, senón que a intención é dividilos en distintos lotes para facilitar que tamén poidan optar a eses contratos pequenas e medianas empresas, cooperativas e mesmo as persoas autónomas.

Medio ambiente

No caso da limpeza de instalacións municipais, ademais, valoraranse por primeira vez aspectos de carácter medioambiental nas ofertas que presenten as empresas. Así, estas deberán responsabilizarse da recollida selectiva de residuos e presentar un estudo sobre os envases xerados.

Puntuará tamén o feito de que as compañías empreguen produtos de limpeza con certificado ecolóxico homolagado e o uso de material reciclado ou ecolóxico para reducir o impacto dos residuos.

O obxectivo non só é mellorar as condicións laborais e os servizos, senón afondar na liña marcada pola alcaldesa, explicou Lage Tuñas, de regularizar o gran volume de prestacións sen contratos que se estaban a pagar no Concello, que no 2019 supoñían o pago anual de máis de 35 millóns de euros. “Atopámonos, tamén na limpeza, moitos servizos en precario, contratos vencidos desde hai tempo sen que se convocaran novos concursos, e a moitos traballadores nunha situación de incerteza sobre o seu futuro laboral”, explicou Lage Tuñas, quen destacou que o Concello garante a subrogación dos postos de traballo e, desde agora, mellores condicións para o desenvolvemento da actividade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.