El é así. Por @DulceCorcu

A xornalista Danae Boronat vén de publicar un libro que recolle as declaracións de moitas das futbolistas da elite deportiva española, incluida a galega Vero Boquete, dando conta das humillacións e vexacións que sufriron ao longo dos anos polo adestrador Ignacio Quereda que, ante as queixas das xogadoras, os seus superiores, ousexa Ángel María Villar, daquela presidente da RFEF (Real Federación Española de Fútbol) escusábao con un “el é así”. Unha frase lapidaria que enterrou non poucas mulleres, que deixou maltreitas física e psicolóxicamente a moitas outras e que, diariamente, devastou vidas que nunca voltaron a ser as mesmas.

“Non as chamedes chicas, chamádeas futbolistas” é o título do libro de Boronat e non é un título ao albur. Habitualmente as xestas delas son denominadas así, sempre empezan cun paternalista “as chicas….”, aínda que acaben de alcanzar os máis altos triunfos. Denominalas xogadores como que lles vén grande, porque é certo que gañan títulos e marcan goles como os equipos masculinos, pero non vas comparar. Non hai cor. Chavalitas que o fan ben pero que non coñece ninguén. Que non se queixen que aínda lle televisamos algún partido e sacámolas nun recadro pequeno en portada cando se clasifican para algo importante. A desigualdade e o desprezo mediático é unha batalla diaria, na que rebelarse ás veces supón quedar relegadas ao ostracismo profesional. Exactamente o que sufriron Vero Boquete e outras compañeiras cando, fartas dos longos anos de machismo de Ignacio Quereda, prántanse en que ou el ou elas, aínda que apoiado ata o último minuto polos seus superiores, finalmente decide -ou deciden- que marche. Pero dese calvario comezou outro: o de deixar de ser convocadas. O castigo habitual ás “revoltosas”. Ás que non admiten o consabido “el é así” coma desculpa. Era o seu carácter, non era por nada malo. Que considerara o lesbianismo un “mal hábito” e como tal había que erradicalo das boas costumes das futbolistas, non era para tanto. Pero non o facía por mal. No seu equipo non podía haber máis que mulleres que gustasen dun bo macho, como lle dixo a Vero Boquete que bo falla lle facía un.
Quereda estivo vintesete anos ao frente da Selección Nacional de Fútbol Feminino. Vintesete anos nos que ninguén movíu un dedo polas xogadoras, polas súas queixas e estado psicolóxico. Tampouco despois, cando Vero Boquete e outras compañeiras de impecable traxectoria deixaron de formar parte da selección sen máis, relegadas ao máis vil esquecemento. Non foi hai corenta anos, foi hai apenas un lustro, dunhas condutas sempre asumidas como “normais” e tamén denunciadas noutros deportes e, por suposto, noutros ámbitos laborais. É a consecuencia de mentalidades que non só non cambian, senón que son xaleadas e amparadas dende moitas instancias, permitindo que personaxes como Ignacio Quereda volquen as súas frustracións e complexos sobre mulleres que teñen un don do que el carecerá sempre: o da dignidade e a valentía de non deixarse pisotear. Aínda que saia tan caro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.