Este xoves chega a Tui Baobab Teatro con “O lobo e a lúa” e o venres a proxección da película “A illa das mentiras”

Continúa a programación cultural de inverno no Teatro Municipal de Tui con dúas propostas esta semana. Entradas á venda en tui.gal.

Con dobre proposta, teatro familiar e cine, continúa esta semana a programación cultural no Teatro Municipal de Tui.

Este xoves, 11 de marzo, ás 18:30 h  Baobab Teatro presenta “O lobo e a lúa”, unha obra dirixida a público familiar de Óscar Ferreira e Andrea Bayer e interpretada por Xosé Manuel Esperante e Cora Sayers.

Trátase dunha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre nos seus 50 minutos de duración sempre de noite, á luz da lúa. É unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor. O lobo quere falar coa lúa pero non o consegue porque está moi lonxe. Berra para facerse escoitar, pero cos seus grito non deixa durmir a ninguén no Prado Azul. Recibiu o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en 2014.

As entradas están á venda en tui.gal aos prezos de 4€ e 3€ até o xoves ás 17.30 h.

Ao día seguinte, o venres 12 de marzo, ás 19:30 h proxectarase no Teatro Municipal o filme “A illa das mentiras” dirixido por Paula Cons e protagonizado por Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti e Victoria Teijeiro. A película está recomendada para público adulto.

O argumento avanza arredor de tres mulleres convertidas en heroínas hai 100 anos ao botarse ao mar para salvar aos supervivintes do Santa Isabel,  que navegaba rumbo a Bos Aires con 260 persoas a bordo. Tras o afundimento do barco lograron salvar a 48 persoas. Pero esa noite houbo “terribles casualidades” na illa coma descobre un xornalista arxentino que acudiu á illa a cubrir a noticia do naufraxio. A película ten unha duración de 93 minutos. As entradas están á venda en tui.gal até o venres ás 18.30 h aos prezos de 6€ e 5€.

Cómpre lembrar que o aforo do teatro está limitado a 148 butacas, un 25% do aforo total da sala.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.