EU propón ubicar o novo polideportivo nos terreos municipais de Abella

A alcaldesa de Lugo ven de anunciar a construción dun novo pabellón polideportivo que pretende ubicar na rúa Veiga Grande, fronte ao centro comercial As Termas

Considerando positiva a creación dunha instalación moi demandada nos últimos anos, en EU consideran que “a zona máis axeitada para a súa ubicación sería a de Abella, nos terreos dos que dispón o Concello para dotacións deportivas, ao final da rúa Lamas de Prado”, polas seguintes razóns:

– En primeiro lugar, o Concello ten unha débeda histórica cos barrios, e moi particularmente coa zona de Abella. Unha débeda tamén moral, despois do rotundo fracaso do desenvolvemento urbanístico da zona presentado por outro goberno municipal en anos anteriores.

– O Concello de Lugo dispón no barrio de Abella dun solar de 2.725,09 m2 destinado no planeamento vixente a sistema xeral de equipamento deportivo. Ademais, existe outra parcela contigua de 2.509,67 m2, tamén de propiedade municipal, destinada a sistema local de equipamento deportivo. En total, 5.234,76 m2 de solo destinados para equipamentos deportivos.

– A diferencia entre un sistema xeral e outro local é que o xeral é para prestar servicio á totalidade do municipio, e o local para o ámbito no cal está incluido. Se o novo polideportivo pretende dar servicio a toda a cidade, o lóxico é que se ubique nun solo destinado a sistema xeral, como é o caso do solar municipal en Abella, e non nun solo destinado a sistema local, como propón Lara Méndez.

– A zona de Abella conta cunha alta densidade de poboación. Ademais, alberga tres centros educativos de primaria e secundaria (Casás, Menéndez Pelayo e Leiras Pulpeiro) con máis de 1.600 estudantes que carecen de instalacións deportivas para a práctica do deporte. Por contra, a zona do sector Norte B proposta polo goberno municipal non conta con poboación, estando deshabitada.

– A alcaldesa e o seu goberno anuncian que o novo espacio deportivo se construirá baixo criterios de sostenibilidade e aforro enerxético. Sen embargo, desde o punto de vista da sostenibilidade, o polideportivo está mellor ubicado en Abella que no sector Norte B, porque este último obriga a realizar desprazamentos en vehículos, sexan públicos ou privados. En cambio, a ubicación en Abella permite o acceso a pé para un amplo número de persoas, nunha das zonas mellor comunicadas, que dispón dunha alta accesibilidade dende todo o municipio.

– Ubicar o polideportivo fronte ao centro comercial As Termas supón un agravio comparativo e unha discriminación cara outros barrios da cidade, tendo en conta que na mesma avenida Infanta Elena xa existen outras instalacións deportivas municipais: o Complexo polideportivo de FRIGSA, o Polideportivo Municipal Casa do Deporte e o Campo de fútbol Luis López Gorgoso.

En EU consideran que “en base á legalidade urbanística, a xusticia social, a sostenibilidade e a lóxica, o proxecto do polideportivo que se pretende construir nunha zona deshabitada, como é a do sector Norte B, debe trasladarse ao barrio de Abella”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.