FEGADACE continúa reclamando a vacinación das persoas con dano cerebral e coidadoras

Completada a inmunización do persoal dos centros de día e das residencias

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) denunciaba a finais de febreiro, que parte dos equipos profesionais das súas asociacións aínda non fora vacinada, a pesar da súa inclusión como grupo prioritario no plan do Servizo Galego de Saúde. Pasadas tres semanas, o proceso de inmunización rematou e todas as traballadoras e traballadores das asociacións de FEGADACE están xa vacinadas. Tamén o están -xa no momento da queixa- todas as persoas usuarias e traballadoras da residencia de Alento.

As entidades do CERMI Galicia, por separado e a través desta plataforma, ampliaron a demanda de FEGADACE reclamando á Xunta de Galicia que se inclúa á discapacidade no Plan Galego de Vacinación. Ademais, dúas das asociacións de dano cerebral, Sarela e Alento, levan un pouco máis alá a reclamación chamando ao goberno a que vacine a todas as persoas con dano cerebral e tamén ás súas coidadoras e coidadores. Sarela foi máis contundente e realizou unha protesta diaria ás portas do seu centro durante unha semana, que finalizou o pasado día 12 de marzo.

FEGADACE fai súa a inquedanza das entidades de dano cerebral e chama á Xunta de Galicia a que inclúa como colectivos prioritarios dentro do Plan de Vacinación:

  • Ás persoas con dano cerebral. Todas elas, sen ter en conta o seu grao de dependencia (agora mesmo só se está vacinando ás persoas dependentes grao III), incluíndo tamén as que non teñen a dependencia recoñecida. Este colectivo presenta unha gran vulnerabilidade fronte á COVID-19 pola variedade das súas secuelas e pola presenza de pluripatoloxías asociadas ás mesmas. O seu risco de contaxios está a provocar ademais outros efectos secundarios: o medo a enfermar por causa do coronavirus está a causar que moitas persoas deixen de acudir aos centros, co conseguinte deterioro que iso implica no seu mantemento de capacidades, progreso da rehabilitación, e inclusión social -o que á súa vez retroalimenta a apatía, depresión, falta de motivación, e outras secuelas comúns no dano cerebral-. Ademais, lembramos que aínda hai persoas con dependencia de grao III que continúan sen vacinar, e que permanecen á espera, por indicación do Sergas, de recibir a dose no seu domicilio.
  • Ás persoas coidadoras de persoas con dano cerebral. Cómpre ter en conta, como se fixo, ás persoas coidadoras formais, nos centros, pero tamén ás coidadoras informais, nas casas. É o único xeito de facer que as persoas con dano cerebral se manteñan sempre en espazos seguros, tanto nos centros como nos seus fogares.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.