Gonzalo Caballero propón que a seguinte xuntanza de líderes políticos sexa “a tres bandas”

O secretario xeral cre que a xuntanza de onte foi “útil” e “un punto de partida positivo”: “temos a obriga de dialogar para buscar solucións aos problemas dos galegos e das galegas”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou hoxe que a xuntanza de onte dos líderes da oposición con Feijóo foi “útil” e “un punto de partida positivo”, polo que chamou a que o próximo encontro sexa “a tres bandas” para poñer en común ideas e propostas encamiñadas a que “Galicia avance” e a que “ninguén quede atrás” na saída desta crise.

De feito, o máximo responsable do PSdeG sinalou que Feijóo prefería que a xuntanza de onte fose entre os tres líderes políticos e que Ana Pontón defendía que fosen citas bilaterais, mentres que el afirmou que se adaptaría a calquera formato “porque o importante era desatascar a falla de conexión” aínda que consideraba convinte un diálogo a varias bandas para o acordo.

“Esta xuntanza foi a dúas bandas e eu propóñolles que a seguinte sexa a tres”, subliñou Gonzalo Caballero, quen fixo fincapé en que os representantes públicos “temos a obriga de dialogar para buscar solucións aos problemas dos galegos e das galegas”.

Agora, logo dunha xuntanza na que “apareceron puntos de acordo e outros de desacordo, como é lóxico”, chamou a “seguir traballando nunha cogobernanza eficaz que xere avances”. O importante, afondou o líder do socialismo galego, é que destas reunións “saian acordos e medidas o máis positivas para os galegos e as galegas”.

Sobre todo, como dixo, porque “hai moitos galegos que o están pasando moi mal”, e referiuse á mocidade, sen expectativa de futuro; ás mulleres, que sofren máis as crises; aos autónomos e pemes que non chegan a fin de mes e aos desempregados que non atopan oportunidades laborais.

“En tempos de dificultades temos a obriga de facer país e de estar á altura das circunstancias para xerar emprego, combater as desigualdades e apostar Pola vertebración do territorio”, subliñou Gonzalo Caballero, consciente da necesidade de aproveitar axeitadamente os fondos extraordinarios para a reactivación.

Propostas

Pola súa banda, pediu onte a Feijóo que unha comisión non permanente analice na Cámara a execución dos proxectos europeos, a fin de que Galicia non perda opcións. Ademais, tendeu a man a Feijóo para acordar sobre os proxectos que necesita Galicia, tal e como se ten feito noutras comunidades.

Ademais, no marco dun dodecálogo de propostas, Gonzalo Caballero abordou con Feijóo a necesidade de reforzar o sistema de vacinación con máis persoal, así como por aumentar o dedicado á atención a saúde mental -Feijóo comprometeuse a contratar 120 profesionais máis neste eido antes da fin do ano- e na atención primaria.

Así mesmo, propuxo a Feijóo un plan de reapertura dos negocios que pecharon como consecuencia das restricións, así como incrementar os fondos para o rescate de autónomos e pemes.

Todo iso, xunto coa aprobación dun catálogo que blinde os servizos públicos galegos, un cambio no modelo de atención aos maiores e un incremento dos fondos que a Xunta destina aos concellos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.