Impulsar a igualdade de xénero no traballo cunha mostra sobre mulleres no ámbito das CTEM

A exposición, que permanecerá no Obelisco até o 22 de marzo, pretende servirlles de exemplo ás nenas de que as mulleres poden ter éxito nos campos científicos e animalas a estudar carreiras tradicionalmente reservadas aos homes

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, inaugurou esta mañá no Obelisco a mostra “Mulleres no ámbito das CTEM” no marco do programa conmemorativo do 8M de 2021 baixo o lema “Mulleres sen límites, a por todas”. A mostra, que poderá contemplarse até o 22 de marzo, pretende situar o foco na presenza das mulleres en postos de traballo nos campos das ciencias, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas.

Neira destacou que nos últimos 5 anos a porcentaxe de mulleres matriculadas en Galicia no ámbito de enxeñerías e arquitectura foi do 27% e foi moi superior en ámbitos como as ciencias sociais ou da saúde. Por iso, cre que sería interesante profundar nos motivos desta orientación e para iso é necesario proporcionarlles ás mozas e mozos a maior información sobre as diferentes ramas así como contribuír a que as mozas poidan visibilizar referentes femininos nas titulacións en que están infrarrepresentadas, referentes que rompan cos estereotipos.

“Coa mostra queremos pór o foco en que a igualdade de xénero no traballo está lonxe de conseguirse. O Obxectivo é contribuír a mellorar a percepción entre as nenas de que as mulleres poden ter éxito nestes campos que tradicionalmente están dominados polos homes e conseguir que se inclinen por estes estudos”, sinalou a concelleira.

A exposición profunda na visibilización das mulleres e as súas contribucións nos campos de ciencias, tecnoloxía, enxeñerías e matemáticas. Neste senso, a concelleira sinalou que na exposición se mostran as experiencias de 6 mulleres que traballan no campo das ciencias e que son mulleres coma calquera outra, “co que se intenta ensinarlles ás nenas e adolescentes que non hai ningún impedimento real en ser muller e ter éxito nestas profesións”.

A exposición, ademais das biografías destas 6 mulleres, conta con textos e reflexións da profesora da UDC do Departamento de Física e Ciencias da Terra e subdirectora da Oficina para a Igualdade de Xénero, María José Abad López. Ademais, de entre estas 7 mulleres 5 foron as seleccionadas para participar noutra das actividades do programa do 8 M de 2021, “Conversas con mulleres CTEM”:

Laia Subirats Matei. Enxeñeira de telecomunicacións e doutora en Informática, ademais de investigadora en Eurecat. En 2018 foi seleccionada como unha das mulleres máis influentes en España dentro da categoría de pensadoras e expertas.

Tamara Pazos Cordal. Bióloga e divulgadora científica en IG na conta @putamen_t.

Elena García Armada. Enxeñeira industrial. Lidera o grupo do CSIC que desenvolveu o primeiro exoesqueleto biónico do mundo para nenas/os con atrofia muscular espiñal. É unha referente mundial.

María Jesús Taboada Iglesias. Profesora doutora na USC na Área de Ciencias da Computación e a Intelixencia Artificial.

Rosana Rodríguez López. Profesora doutora en Matemáticas pola USC. Vicedecana da Facultade de Matemáticas.

Sara Álvarez. Graduada en Psicoloxía e especialista en Neurociencia e Intelixencia Artificial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.