Inés Rey: “Urxe unha conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña adaptada ao século XXI”

A alcaldesa da Coruña manifestou nun acto no Concello de Ferrol a necesidade de vertebrar o eixe económico e social entre A Coruña e Ferrol

A alcaldesa, Inés Rey, afirmou esta mañá que apostar polo tren na rexión económica ártabra suporá un alicerce esencial para o seu desenvolvemento: “Urxe unha conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña adaptada ao século XXI” para ser competitiva co resto de rexións do noroeste peninsular. En concreto, indicou que “desprazármonos en tren a Ferrol significa duplicar o tempo da viaxe que nos leva noutros medios de transporte máis contaminantes, menos sustentables e máis caros”. A rexedora manifestou a necesidade de vertebrar o eixe económico e social entre ambas as cidades na presentación do informe sobre a conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña, elaborado polo Eixo Atlántico. Na cita tamén interviñeron o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; e o catedrático de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes, Miguel Rodríguez Bugarín.

Rey expuxo a necesidade de que esta opción se adapte de xeito similar á liña de Alta Velocidade do Eixo Atlántico e puxo como exemplo que se tarda media hora menos en chegar hoxe en día a Santiago desde A Coruña que a Ferrol, “cando a distancia a Compostela é case o dobre”.

Por iso, cómpre conectar as cidades cunha mobilidade sustentable e cunha planificación previa en coordinación con todos os municipios, rexións e comunidades, asegurou a alcaldesa nun acto en que insistiu que unha alternativa ferroviaria axeitada evitaría o uso do coche e ampliaría o concepto de intermodalidade que procura este Goberno local: “Esta vía cara a Ferrol mantén unha tendencia decrecente xa que utilizamos de xeito preferente outras alternativas de transporte por estrada ou autoestrada. Medios máis caros, menos seguros e máis contaminantes”. Neste aspecto, recordou que o que se promove desde Europa é precisamente o contrario: crear redes de cidades conectadas entre si que bombeen a economía, crezan e se desenvolvan unidas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.