Inician os traballos de conservación e limpeza en treitos interurbanos de tres ríos ao seu paso por Mondoñedo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as tarefas levaranse a cabo en diferentes puntos dos ríos Masma, Valiñadares e Gontán, ao longo de case dez quilómetros

A Xunta acaba de iniciar unha actuación de conservación e limpeza que se desenvolverá en preto de 10 quilómetros dos treitos interurbanos dos ríos Masma, Valiñadares e Gontán, no concello de Mondoñedo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que está previsto que os traballos se prolonguen durante aproximadamente mes e medio, ata mediados de abril. Forman parte das actuacións de mantemento que desenvolve a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, en áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

As intervencións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. En zonas puntuais tamén se procederá ao apeo de árbores inclinadas e á poda de pólas que presenten risco de caída; así como á roza selectiva en tramos ocultos pola maleza.

As tarefas desenvolveranse en distintas partes destes ríos ao seu paso polas parroquias de Santiago, Mondoñedo, Os Remedios, Viloalle e Masma. Unha vez finalizadas estas actuacións, as canles quedarán despexadas, o que facilitará a circulación fluída das augas fluviais.

As accións forman parte do programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.