Mellores do fútbol feminino galego 2019/20

A Revista de Fútbol Feminino Galego fai públicos os nomeamentos de Tere Abelleira, Manu Sánchez e Zulema González, como mellor xogadora, mellor técnico e mellor colexiada do fútbol feminino galego 2019/20, respectivamente. Igualmente, e polos seus únicos tres cartóns amarelos, outorgará ao Silva S.D. o trofeo que o recoñece como o equipo máis deportivo da pasada campaña.

A diferenza doutros anos, e ante a imposibilidade de poder celebrar a tradicional Gala debido á pandemia que estamos padecendo, non quixemos perder o fío dos premios que vimos entregando desde a temporada 2010/11 e, reducíndoos a estas catro categorías, facemos pública esta decisión, que estivo acompañada de consultas con diversas persoas vinculadas ao noso deporte.

Mellor xogadora galega 2019/20: TEREsa Abelleira Dueñas (R.C.D. La Coruña)

Logo de diversas consultas e a valoración dos datos estatísticos de partidos oficiais xogados polas futbolistas galegas de máxima categoría, tanto na Liga española como nas estranxeiras, que ademais forman parte do Once Ideal Galego 2019/20, publicado con anterioridade, decidimos nomear a Tere como mellor xogadora galega da referida campaña. O papel da xogadora pontevedresa na condución do equipo, no ano da súa estrea na Primeira División, sendo fundamental no xogo e nos resultados que levaron ao Deportivo á cuarta posición da táboa, así como o seu papel na estratexia do equipo, confluíron na decisión. O resumo da importancia disto remítenos á súa estatística, que incorpora, tanto en Liga como en Copa, 22 partidos, nos que en 20 foi titular, nun contexto de 1.906 minutos, nos que logrou tres tantos. Tere gaña o premio por primeira vez, tomando o relevo de Mari Paz, que o gañou nas dúas últimas edicións.

Historial:

2014/15: Verónica Boquete Giadáns “VERO” (1.FFC. Frankfurt)

2015/16: María de la Paz Vilas Dono “MARI PAZ” (Valencia C.F.)

2016/17: Verónica Boquete Giadáns “VERO” (Paris Saint-Germain F.C.)

2017/18: María de la Paz Vilas Dono “MARI PAZ” (Valencia C.F.)

2018/19: María de la Paz Vilas Dono “MARI PAZ” (Valencia C.F.)

2019/20: TEREsa José Abelleira Dueñas (R.C.D. La Coruña)

Mellor técnico galego 2019/20: MANUel SÁNCHEZ García (R.C.D. La Coruña)

 A acción de Manu Sánchez foi decisiva no papel do Deportivo, como equipo revelación, na pasada campaña. Decisións técnicas que modificaron o perfil futbolístico do equipo para afrontar a máxima categoría e o resultado das mesmas, patentizado no cuarto lugar do equipo na estrea na Primeira División, colocan ao técnico deportivista nun rol arriscado e relevante, comandando ao equipo de maior categoría do fútbol galego, que loitou, tanto na Liga, como na Copa, cun nivel competitivo e unha efectividade indiscutiblemente salientable. Manu Sánchez recibe por segunda vez este premio, logo do logrado na temporada 2010/11, cando era técnico do Orzán.

Historial:

2010/11: MANUel SÁNCHEZ García (Orzán S.D.)

2011/12: María del Pilar “PILI” NEIRA Martínez (Victoria C.F.)

2012/13: JOSÉ ESTÉVEZ Solla (Erizana C.F.)

2013/14: DAVID IGLESIAS Barca (Victoria C.F.)

2014/15: MARCOS CANLE Iglesias (C.F. Bértola Fem.)

2015/16: DIEGO FERNÁNDEZ Meijide (Orzán S.D.)

2016/17: José Ramón “CHICHO” VAL Diz (S. Cult. D. Atlántida Matamá)

2017/18: Francisco Javier “CHIVI” GARCÍA Rouco (Victoria F.C.)

2018/19: Francisco Javier “CHIVI” GARCÍA Rouco (Victoria F.C.)

2019/20: MANUel SÁNCHEZ García (R.C.D. La Coruña)

Mellor colexiada galega 2019/20: Zulema GONZÁLEZ GONZÁLEZ (delegación de Ourense)

 A súa condición de única internacional, liderando un ano máis ao prestixioso colectivo arbitral galego no seu apartado feminino, é o dato máis decisivo para outorgar á árbitra ourensá, Zulema González González, o recoñecemento de mellor colexiada do noso fútbol. A pasada campaña foi especial para a premiada, en canto que estreou a súa escarapela FIFA en partidos da fase previa da Women’s Champions League celebrados en Beltinci (Eslovenia), ademais de asubiar o partido clasificatorio para a fase final da Eurocopa disputado entre Alemaña e Montenegro na cidade xermana de Kassel. González González foi, de entre os catro membros do Comité Galego que militan na máxima categoría española, a que máis encontros dirixiu (9) e a única colexiada que dirixiu un partido de Copa, nomeadamente, o Athletic-Tacón, de cuartos de final.

Historial:

2011/12: Raquel ORGE ORTEGA (Delegación de Ferrol)

2012/13: Non houbo

2013/14: Zulema GONZÁLEZ GONZÁLEZ (Delegación de Ourense)

2014/15: Yolanda PARGA RODRÍGUEZ (Federación de Madrid)

2015/16: Tania FENTE PENA (Delegación de Lugo)

2016/17: Elena CASAL FERNÁNDEZ (Delegación de Vigo)

2017/18: Zulema GONZÁLEZ GONZÁLEZ (Delegación de Ourense)

2018/19: Zulema GONZÁLEZ GONZÁLEZ (Delegación de Ourense)

2019/20: Zulema GONZÁLEZ GONZÁLEZ (Delegación de Ourense)

Equipo galego máis deportivo 2019/20: SILVA S.D. A Coruña

 Tres cartóns amarelos recibidos en toda a campaña deron ao Silva o premio de equipo máis deportivo galego 2019/20. O premio fundaméntase no número da accións disciplinarias significativas que recibe cada equipo galego ao longo dunha temporada. O conxunto coruñés foi quen menos recibiu e por iso representa un xeito de competir exemplificante, alén da categoría na que participe no contexto do fútbol sénior. As herculinas toman a testemuña da S.D. Bandeira.

Historial:

2011/12: VICTORIA C.F. A Coruña

2012/13: Non houbo

2013/14: C.D. CONXO Santiago de Compostela

2014/15: C.D. CONXO Santiago de Compostela

2015/16: C.D. CONXO Santiago de Compostela e ORZÁN S.D. C A Coruña

2016/17: TORRE S.D. B A Coruña

2017/18: ORZÁN S.D. B A Coruña

2018/19: S.D. BANDEIRA

2019/20: SILVA S.D. A Coruña

Os tres trofeos serán entregados, pública ou privadamente, ao longo das próximas semanas, aos seus gañadores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.