O BNG demanda no Congreso a ampliación do servizo e do horario da oficina de Correos de Novo Mesoiro

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar no Congreso iniciativas para ampliar o servizo e o horario da oficina de Correos do barrio coruñés de Novo Mesoiro

A formación nacionalista recolle as demandas veciñais logo de que se reduciran as quendas de atención ao público, desde xullo de 2020, nesta oficina que dá servizo ao barrio e a outros seis núcleos de poboación e a cinco urbanizacións.

Despois do remate do primeiro Estado de Alarma, provocado pola pandemia, o horario das dependencias desta oficina de Correos foi reducido. Na actualidade só se atopa aberto de luns a venres, eliminando o servizo dos sábados, catro horas ao día: de 9.30h a 13.30h. Esta nova situación provocou que a veciñanza protestara a través das Redes Sociais, chegando mesmo a presentar reclamacións individuais diante da oficina virtual de Correos de atención ao público e demandando a ampliación do horario e dos días de servizo.

O voceiro nacionalista reclama a ampliación do horario actual da oficina de Correos do barrio de Novo Mesoiro. Esta oficina dá servizo non só á propia veciñanza do barrio, mais tamén a núcleos de poboación como Feáns, Mesoiro, Castro de Elviña, Elviña, Vío e A Zapateira, así como a cinco urbanizacións próximas como Breogán, Obradoiro, Valaire, O Carón e Ultreia. “Máis de 12.000 habitantes nesta zona  e dous polígonos industriais perto que conta con aproximadamente 5.000 empregos directos e 2.000 indirectos”, calcula a formación nacionalista.

Alén do máis, o BNG tamén lle pregunta ao Goberno do Estado por que se reduciu o horario de atención ao público da oficina e se considera apropiado o actual horario de atención ao público, tendo en conta que a maioría de persoas que viven no barrio, núcleos poboacionais, urbanizacións e contorna son traballadoras e non poden recoller en horario de mañá as notificacións ou certificados e se se pensa modificar no futuro o horario, ampliando a atención ao público polas tardes e os sábados pola mañá.

“Desde o mesmo momento da instalación e comezo do servizo da oficina, en 2014, a propia veciñanza de Novo Mesoiro viña a demandar a ampliación do horario co que se atendía ao público, xa que logo a atención estaba reducida entre as 9.30 h e as 13.30 h, de luns a venres, e de 10.00 h a 12.00 h os sábados, imposibilitando coller calquera aviso, notificación o certificado en horario de tarde”, afirma o deputado nacionalista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.