O Ceesg recorda a situación das/os educadoras/es na Xunta, con motivo da celebración do exame de oposición

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) recorda que é necesario revisar a Lei de Emprego Público para regularizar a situación da profesión de Educador/a social

Este sábado terá lugar o exame de oposición para os postos de ‘Educador/a’ da Xunta de Galicia, dos que se convocan 86 postos (ofertas de emprego público dos anos 2017 e 2018), e aos que aspiran 1965 persoas, entre a quenda de acceso libre e a de promoción interna.
Con ocasión da celebración deste exame, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) reitera o agravio e perda de calidade que supón esta convocatoria, ao admitir titulacións distintas ao título universitario de Educación Social. Agravio porque as demais titulacións admitidas xa teñen unha categoría propia, á que como é lóxico, só se pode acceder con esas titulacións concretas, e perda de calidade dos servizos socioeducativos porque non se garante a formación específica do persoal nin a interdisciplinariedade que debe caracterizar os equipos profesionais.
Tanto a Dirección Xeral de Función Pública coma as organizacións sindicais fixeron caso omiso das peticións do Ceesg, desoíndo todas as alegacións presentadas no seu momento aos diferentes borradores da convocatoria, formuladas tamén en xuntanzas presenciais.

A Xunta de Galicia debería velar por ofrecer á cidadanía unha atención especializada, así como respectar os dereitos das persoas que investiron esforzo, tempo e cartos nunha formación universitaria oficial, recoñecida pola administración pública. A día de hoxe, máis de 4000 persoas tituladas en Educación Social en Galicia.
A Lei de Emprego Público de Galicia, que ampara esta situación, debe ser modificada para poñer fin a esta situación dunha vez por todas, algo que o Ceesg seguirá reivindicando por todos os medios ante a Dirección Xeral de Función Pública e sindicatos, nas sucesivas ofertas de emprego público e convocatorias que poidan producirse.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.