O Executivo de Padrón adxudica os proxectos de renovación da iluminación pública e as actuacións na AC-299

O Executivo adxudica o proxecto para renovar a iluminación pública municipal por valor de 247.967,4 euros á empresa Roomel Service. A iniciativa financiarase con fondos propios das arcas municipais e co importe dunha subvención que o equipo do Goberno local solicitou no seu momento ao Instituto para a Diversificación do Aforro da Enerxía (IDAE), co que se cubrirá máis do 70% do investimento total. A través deste proxecto o Executivo substituirá case 600 luminarias por outras de tecnoloxía LED. Deste xeito, reducirase a potencia e o consumo, e reformaranse os cadros de mando e instalacións eléctricas que permita adaptalo ás novas esixencias enerxéticas.

O Executivo tamén adxudicou as actuacións que se van desenvolver na estrada AC-299 entre a ponte do Carme e Extramundi por valor de 421.120,10 euros á empresa de construción Francisco Gómez y Cía S.L. A través deste proxecto repararase o estado do firme, mellorarase a seguridade vial, a sinalización horizontal e resolveranse os problemas de funcionalidade da vía.

Licitacións

O Executivo local de Padrón tamén vén de licitar actuacións e melloras dos espazos e infraestruturas de distintas parroquias do municipio. Dende o Concello póñense en marcha obras contempladas en distintas fases do Plan de Obras e Servizos, entre as que destacan a pavimentación de viais en Cambelas, mellora do acceso a Tarrío e do camiño en Pedroso norte en Cruces, así como no camiño de Extramundi de Abaixo.

“As diferentes actuacións que vimos de licitar supoñen melloras substanciais para a veciñanza que vive nestas áreas. Todas as obras responden a demandas sociais trasladadas pola cidadanía no noso día a día”, explicou Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón.

Estas actuacións comezarán a executarse ao longo deste ano e conlevan un investimento de máis de 230.000 euros. En Extramundi de Abaixo, Pedroso Norte (Cruces) e no acceso a Tarrío (Cruces) vaise mellorar a capa de rodaxe, despois de ter reparado os baches e perfilado os mordentes con grava. Asemade limparanse gabias e salvagabias e executáranse 100 m de cuneta revestida de formigón para o correcto drenaxe. Do mesmo xeito que se procederá a sinalizar a área. Mentres que en Bascuas (Cruces), en Cambelas (Iria) e en Vista Alegre procedérase á pavimentación dos viais.

Para a pavimentación en Cambelas e en Vista Alegre destináranse 65.345,80 euros, para mellorar o acceso a Tarrío en Cruces o investimento é de 41.900,62 euros, a actuación no camiño en Pedroso Norte (Cruces) financiarase con 53.970,63 euros e o camiño en Extramundi de Abaixo e a pavimentación en Bascuas (Cruces) require un investimento de 72.696, 59 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.