“O peche da oficina de Abanca en Celeiro, consecuencia de decisións políticas” Por Míriam Bermúdez

A decisión empresarial do peche dunha oficina bancaria como a de Abanca de Celeiro sabemos que non entra dentro do ámbito competencial dun concello e polo tanto é difícil esperar que a perda deste servizo bancario poda resolverse desde a administración local. Mais sen embargo, este peche sí é o resultado dunha decisión política tomada polos gobernos da Xunta e do estado español, os cales  tiñan e teñen nome propio. Unha decisión que supuxo a destrución do sistema financeiro galego e á que o BNG se opuxo desde o primeiro momento. A presión veciñal de Celeiro logrou que a alcaldía de Viveiro levase a pleno unha moción que todos os grupos políticos apoiamos por unanimidade a pesares de que para o BNG esta proposta do goberno local quedou nun mero acordo testemuñal sen ningún recorrido institucional, posto que non demanda a implicación doutras administracións de maior ámbito competencial.

No BNG temos claro que a permanencia das oficinas bancarias nos nosos concellos son vitais tanto desde o punto de vista de atención á veciñanza como do emprego, polo que non podemos asumir este peche como un mero asunto interno dunha entidade privada. Temos que ser quen de seguir presionando para revertir esta política de recentralización bancaria na Galiza e desde o BNG ímos seguir dando a batalla, xa sexa no Parlamento Galego ou no español, como vimos facendo ao longo de todos estes anos apostando por un sistema financeiro propio para defender os aforros e investimentos das familias. No BNG sabemos o que foi dar a batalla na defensa da permanencia de Nova Galiza Banco como entidade financeira galega e independente para transformala nunha Banca pública galega. Defensa que por suposto non apoiou nin o PP, que foi parte activa da bancarización e da venda a prezo de saldo das nosas caixas de aforros, nin apoiou o PSOE, que aceptou ante a patronal bancaria liquidar as caixas galegas.

Ante esta clara política de recentralización bancaria dos Escotet e cía, co consecuente peche de milleiros de oficinas bancarias coma a de Celeiro por toda Galiza, un 40% menos das que había hai unha década e uns 41 concellos que quedaron sen ningunha, que fixo até o de agora o goberno de Feijóo? Exixirlle a banca privada a permanencia dunha rede bancaria mínima para prestar un servizo básico á poboación? Non, todo o contrario! Unha vez máis posicionouse do lado dos intereses da banca privada sacando un concurso público, financiado cos nosos impostos, para que as entidades financeiras instalen caixeiros naqueles concellos que as mesmas deixaron sen ningunha oficina bancaria, é ou non é unha auténtica aberración que unha administración pública pague con cartos de todas nós os servizos que se nega a ofrecer a banca porque non lles son suficientemente rendibles?
Por todos estes precedentes é polo que desde o BNG non nos sorprendeu nada que, tanto o PSOE coma o PP de Viveiro, adoptasen unha actitude servil ante a patronal da banca que deixa na rúa a traballadorxs e recurta servizos básicos á nosa veciñanza, no canto de poñerse a traballar na búsqueda de solucións permanentes con quen ten as ferramentas e os instrumentos legais para facelo como son os seus homólogos dos gobernos da Xunta e do Estado.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.