O profesor da Facultade do Deporte da UDC José Palacios impulsa a creación do Grupo Internacional de Actividades de Prevención e Socorrismo

Este grupo integra xa preto de 150 investigadores e profesionais da prevención e socorrismo de 62 entidades de 13 países.

O afogamento é un problema de saúde pública de primeira magnitude mundial, recoñecido como tal pola Organización Mundial da Saúde. É a terceira causa de morte por traumatismo non intencional no mundo e representa un 7% de todas as mortes relacionadas con traumatismos, con 360.000 persoas que morren por esta causa ao ano.

Movido por iso, o profesor da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña José Palacios Aguilar, coordinador do Grupo de Investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo, impulsou hai uns meses a creación do Grupo Internacional de Actividades de Prevención e Socorrismo, ao que xa hai adheridas 62 entidades públicas e privadas con preto de 150 investigadores, profesores, coordinadores, socorristas e profesionais afíns de 13 países (Argentina, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, Jamaica, México, Países Bajos, Portugal, República Dominicana e Uruguay) e 19 universidades (Universidade da Coruña (España), Universidad Abierta Interamericana (Argentina), Universidad Atlántida Argentina (Argentina), Universidad de Barcelona (España), Universidad de Bruselas (Bélgica), Universidad de Buenos Aires (Argentina), Universidad de Coimbra (Portugal), Universidad Europea del Atlántico (España), Universidad de Guadalajara (México), Universidad Juan Agustín Maza (Argentina), Universidad de Murcia (España), Universidad de Oviedo (España), Universidad Pontificia de Salamanca (España), Universidad Ramón Llull (España), Universidad de Santiago de Compostela (España), Universidad de Sevilla (España), Universidad Técnica de Machala (Ecuador), Universidad Tecnológica de Pereira (Colombia) e Universidad de Vigo (España)).

Segundo apunta o profesor Palacios, “é conveniente sumar esforzos e fomentar a prevención, concienciación e divulgación científica” para evitar as mortes por afogamento. “A rede que se crea co Grupo Internacional de Actividades de Prevención e Socorrismo busca desenvolver unha estratexia conxunta que permita unificar criterios en terminoloxía, procedementos, técnicas e formación, así como estudar con rigor científico as accións preventivas e o conxunto de recursos que se destinan á prevención e á intervención ante emerxencias no medio acuático”, explica o investigador coruñés.

O doutor en Educación Física é autor coordinador, ademais, dun artigo científico sobre o primeiro dicionario do afogamento e lesións acuáticas do mundo, xunto con David Szpilman (Brasil) e Catarina Queiroga (Portugal), no que supón un gran paso na unificación de criterios. O artigo está publicado na edición deste mes de marzo da revista Resuscitation e nel colaboran ademais expertos coautores de dez países (Argentina, Australia, Brasil, Canadá, España, Grecia, Nueva Zelanda, Países Bajos, Portugal e Suecia). “Un gran traballo moi necesario”, apunta Palacios, e que pode descargarse no enlace da revista: https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S2666520420300734.

Foto: Imaxe de arquivo dunha investigación sobre a calidade da RCP básica despois de realizar rescates.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.