“O proxecto de liña de alta tensión Carballo-Arteixo afectaría de forma crítica e irreversible á paisaxe”

O voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de instar á Xunta de Galicia a retirar o proxecto da liña de alta tensión do parque eólico de Monteagudo en Carballo ata a subestación do polígono de Morás, en Arteixo. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Industria do Parlamento, a través da presentación dunha proposición non de lei

A iniciativa socialista, que foi rexeitada polo PP, é a mesma que levou ao pleno do Concello de Arteixo o Grupo Municipal do PP e que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos municipais do concello.

“Esta nova liña de alta tensión de 66 kv atravesaría 13.600 metros con 47 torres de alta tensión de ata 42 metros de altura e afectaría de forma crítica e irreversible á paisaxe”, aseverou o socialista, quen lembrou que o territorio afectado está comprendido na Reserva da Biosfera e é moi próximo aos humidais costeiros, á Rede Natura da Costa da Morte, así como a espazos singulares como a Fraga de Sisalde, xunto ao que se atopa un dos abastecementos de auga potable de Arteixo e paisaxes castrexas.

Seco subliñou que da análise ambiental e de sustentabilidade do proxecto “pode derivarse un impacto practicamente irreversible e dunha gran magnitude sobre a paisaxe e o medio natural mellor conservado de Arteixo”. Nesta liña, criticou que o estudo ambiental “non tivo en conta as observacións realizadas polo Concello de Arteixo” e tampouco considerou o “documento de alcance da Secretaría Xeral de Calidadade e Avaliación Ambiental”.

Así, lembrou que en 2015, cando comezaron os trámites ambientais para esta liña de alta tensión, “a corporación municipal do Concello de Arteixo mantivo por unanimidade unha posición desfavorable ao proxecto”, xa que considerou “que non estaba suficientemente xustificada a necesidade desta infraestruatura eléctrica nin que atravesase toda a parte occidental do municipio, xustamente a de maior calidade paisaxística e ambiental e nun concello con alto grao de sacrificio industrial e de infraestruturas”.

O responsable socialista criticou que a Xunta deseñe un proxecto eólico “de costas ao pobo”, o que está a causar “un gran malestar” entre a veciñanza. Así, subliñou que existe unha “preocupante falla de transparencia, unha falla de apoio e información aos afectados; unha falla de equilibrio nas negociacións entre propietarios e protores eólicos e tamén unha falla de beneficios para as comunidades afectadas”.

Finalmente, Seco lembrou que o propio alcalde de Arteixo, do PP, tivo que pedir “por vía de moción” unha xuntanza co Vicepresidente e Conselleiro de Industria da Xunta de Galicia para abordar o tema, o cal amosa a “falla de atención e de coordinación” do goberno autonómico cos concellos de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.