Reclaman melloras no servizo de recollida de lixo en Antas de Ulla

Os socialistas demandan que se realice unha adaptación das rutas de recollida en función da poboación e atendendo aos períodos estacionais, a limpeza e desinfección periódica dos contenedores, así como unha revisión dos puntos de ubicación no que se atopan
A Voceira Socialista en Antas de Ulla, Pilar García avanzou hoxe que defenderá unha moción na vindeira sesión plenaria coas que reclama melloras no servicio de recollida de lixo da vila. Concretamente reclaman que se realice unha adaptación das rutas de recollida en función da poboación e atendendo aos períodos estacionais, a limpeza e desinfección periódica dos contenedores de todo o Concello, así como unha revisión dos puntos de ubicación dos mesmos.
Nesta proposta tamén demandan que se habiliten os lugares axeitados para depositar plásticos agrícolas durante todo o ano, e que se programe cunha periodicidade fixa a retirada dos enseres voluminosos e dos electrodomésticos dos particulares.
García Porto advirte que “dende fai anos a prestación deste servizo é deficitaria e non se adapta ás necesidades da veciñanza. Ademais, hai que lembrar que durante anos ocasionou moitos gastos por mor do vehículo do Concello co que se realizaba a recollida de lixo, que tiña máis de 20 anos, con constantes avarías que supoñían elevados custes”. Hai que lembrar que “a precariedade chegou a ser tan lamentable, que en varias ocasións foi necesario que o Concello reducira ou suspendera temporalmente a prestación deste servizo”.
Novo camión de lixo
A voceira socialista remarca que “o Concello de Antas de Ulla recibiu un camión novo para a recollida do lixo no que a Deputación de Lugo achegou 110.000 euros, así como outros 5.000 euros máis para a adquisición de contenedores de lixo, e pola súa banda, a Dirección Xeral da Administración Local achegou 28.000 euros tamén para a compra deste camión”.
A Voceira explica que dende a Agrupación Socialista de Antas de Ulla, “preocupados por esta situación, presentamos iniciativas a este pleno en seis ocasións para mellora a prestación do servizo de recollida de lixo, algunha delas veñen xa do ano 2009”. “Son melloras necesarias, pois en Antas non contamos con punto limpo e recentemente a Xunta de Galicia realizou o acondicionamento de doce puntos de vertidos incontrolados”, e engade, “se non se actúa mellorando este servizo voltaranse a acumular os colchóns e outros vertidos nas beiras das estradas”. Ademais o Concello tamén instalou novos colectores para a recollida de aceite usado, pero insistimos, hai que seguir mellorando o servizo de recollida de lixo na vila”.
Reorganizar e mellorar a recollida de lixo
Por iso, “presentase agora unha oportunidade única para reorganizar e mellorar a recollida de lixo, xa que dende hai un ano os únicos costes que debe soportar o servizo son os gastos de persoal e os de mantemento, seguro e combustible do camión. Atrás quedan os tempos nos que o Concello se vía na obriga de pagar facturas de taller do vello camión que moitos meses se achegaban aos 3.000 euros. É o momento de facer borrón e conta nova, e iniciar un proceso que conleve melloras para toda á veciñanza e para todas as parroquias da vila con este servizo”, replicou a voceira socialista.