Solicitan un pleno extraordinario para que o concello de Touro opte aos fondos europeos

A marea veciñal de Touro, principal grupo da oposición, acaba de anunciar a solicitude dun pleno extraordinario para reclamarlle ao goberno municipal a presentación de proxectos que opten aos fondos europeos de recuperación Next Generation
Consideran inaceptable a pasividade do goberno municipal ante unha oportunidade única para atraer proxectos empresariais ao concello que xeren emprego de calidade dun xeito compatible co entorno.
O Partido Veciñal ofrécese a achegar ideas de diferentes proxectos relacionados co sector agrogandeiro, forestal e industrial que poderían servir de base para optar a estes fondos e que se traducirían en ducias de postos de emprego axudando a fixar poboación.
Inclusión nos proxectos da Xunta
A marea veciñal considera como insólito que o goberno local non teña reclamada a inclusión da rexeneración dos ríos degradados pola mina de Touro entre os proxectos de conservación e restauración da biodiversidade que anunciou a Xunta fai meses e que dan cumprimento ás directrices da UE e o executivo central para acceder aos fondos Next Generation. Consideran como prioritarias estas actuacións á marxe de que logo se lle esixa á empresa responsable o pago dos custes asumidos. A rexeneración ambiental nos ríos da contorna é urxente e non pode seguir esperando máis anos polo que estamos ante unha oportunidade inmellorable para acabar cun dos maiores desastres ambientais de Galicia.