Tomé Roca esixe á Xunta que “escoite á ANPA e aos veciños e manteña aberto o colexio público de Baamonde”

Considera “inaceptable” a intención do Partido Popular de “recortar servizos no rural e de pechar unha escola pública para cederlle o edificio á iniciativa privada”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostra de novo o seu total apoio ás reclamacións da Asociación de Nais e Pais de Alumnos e dos veciños e veciñas que rexeitan o peche do colexio público de Baamonde no que estudan 30 nenos e nenas, e esixe á Xunta de Galicia que escoite as súas demandas e manteña aberto o centro.

José Tomé anunciou neste sentido que o Grupo Provincial Socialista presentará no próximo Pleno da Deputación una moción para reclamar á Consellería de Educación que garanta o mantemento do colexio, que desbloquee a matrícula para o próximo curso e que aclare os plans do Alcalde de Begonte. “Resulta insólito que un Alcalde do rural queira pechar unha escola pública”, subliñou o Presidente. “O Conselleiro de Educación xoga ó despiste, pero coa súa inacción deixa avanzar a política de feitos consumados do Alcalde”. José Tomé recalcou que, “mentres a Deputación traballa polo equilibrio territorial e pola mellora da calidade de vida e dos servizos públicos no rural, a Xunta e o Partido Popular redúcenos e privatízanos”.

A Deputación de Lugo xa aprobou no Pleno de decembro unha moción para reclamar información á Xunta sobre o suposto proxecto de conservatorio en Begonte, ademais de pedir que calquera posible cambio tivese en conta a opinión dos veciños e veciñas. Ata hoxe, o rexedor négase a dialogar con eles, mentres que o Conselleiro de Educación sinalou no Parlamento de Galicia que o seu departamento no impulsaba o Conservatorio, que sería unha iniciativa municipal.

Peche irregular da matrícula

Ante a falta de aclaracións, o Presidente comparte a preocupación das familias, que levan meses manifestándose contra a decisión unilateral do Alcalde de pechar o colexio, e denuncian agora que non poden matricular aos nenos no CEIP de Baamonde para o curso que vén, a pesar de que a Consellería de Educación non ten informado formalmente do peche do centro, algo que resulta totalmente irregular. Para incrementar a confusión, a Asociación Músico Crisanto, da que depende a actual escola de música, anunciou que o próximo curso disporá das novas instalacións no colexio de Baamonde. Todo iso sen que o DOG teña publicado ningunha resolución oficial sobre un posible peche ou a desafección do centro.

Cesión dun edificio público a unha iniciativa privada

Para a portavoz do Grupo Provincial Socialista, Pilar García Porto, “o que acontece en Begonte é un novo episodio, moi grave, de ataque ós servizos públicos no rural por parte dos alcaldes e da Xunta do PP. O mesmo goberno que quería pechar un paridoiro, deixa facer a un Alcalde para pechar un colexio. É inaceptable que se recorten servizos no rural cedendo un edificio público a unha iniciativa privada”.

O proxecto de dotar a Begonte, Rábade e Outeiro de Rei dun Conservatorio de grao medio fora anunciado en febreiro do ano pasado por Armando Morales, director da escola de música. Segundo as súas declaracións, a Xunta de Galicia tiña comprometida unha inversión de 360.000 euros para a compra dun edificio que albergaría o Conservatorio. Sen embargo, a finais de ano, o Alcalde fixo seu o proxecto e presentou ós veciños un plan que contemplaba o peche do CEIP de Baamonde para dedicar o edificio á ensinanza musical.

Pechar un colexio

“Nada neste proxecto ten sentido”, asegura García Porto. “O argumento de que se pecha un colexio público para favorecer a educación musical cae polo seu propio peso. ¿Se o proxecto inicial contaba con cartos da Xunta, por que non se mantén? ¿Onde foron eses cartos? ¿Nunca existiran ou é que agora hai outros intereses? Os veciños e veciñas de Baamonde teñen dereito a saber que se agocha detrás desta actuación do Alcalde”. José Manuel Rábade, concelleiro de Begonte, é irmán de Pablo Rábade, presidente da Asociación Músico Crisanto, un feito que foi sinalado polos veciños que reclaman transparencia en torno ao proxecto.

O Grupo Provincial Socialista lamenta que este novo ataque contra os servizos públicos no rural está a deteriorar a convivencia, “fomentando un enfrontamento ficticio entre núcleos de poboación e con actitudes autoritarias do Alcalde impropias da nosa democracia”. Hai uns días, a Asociación de Veciños de Baamonde denunciou que o rexedor cambiou a cerradura do local social para impedirlles o acceso, a pesar de ter un convenio en vigor para o uso do mesmo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.