Últimos días para presentar traballos para o XXXI Premio Carracedo de Xornalismo

O vindeiro 18 de marzo remata o prazo para presentar traballos para o XXXI Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, un galardón que convoca a Deputación de Ourense para premiar o mellor traballo ou conxunto de traballos xornalísticos –escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais- publicados en medios de comunicación galegos ou noutros medios de comunicación pero que deberán referirse a Galicia, e con data entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020. O premio, instaurado pola institución provincial como lembranza do xornalista ourensán que lle da o seu nome, falecido en 1988, e en defensa dun xornalismo de calidade, está dotado con 3.000 euros.
A este certame poden optar os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera das súas modalidades. As propostas poden ser presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.
O xurado do premio estará presidido polo presidente da Deputación de Ourense ou persoa en quen delegue, e como vogais estarán: un representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, un representante da Federación de Asociacións de Periodistas (FAPE), un representante da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, e un representante da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. Actuará como secretario do xurado, con voz pero sen voto, o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense.
En canto ao modo de envío das propostas deberán presentarse exclusivamente a través da páxina web da Deputación de Ourense, no apartado “XXXI premio de periodismo “Xosé Aurelio Carracedo”. No formulario, os participantes farán constar os seus datos persoais: nome e apelidos, domicilio, teléfono, correo electrónico, DNI e currículo; a modalidade do/dos traballo/s (prensa, radio, televisión, fotografía ou xornal dixital); e o/os traballo/os que se presentan ao premio.
No caso de prensa, os traballos enviaranse escaneados nun arquivo PDF; no caso de radio, os audios enviaranse en formato mp3; no caso de televisión, enlace ao vídeo para poder visualizar e descargar o traballo; no caso de fotografía, os arquivos en formato PNG ou JPG da foto e da páxina onde se publicou (PDF), e no caso de traballos en xornais dixitais, arquivos escaneados en PDF e enlace á web na que figura o traballo.
Para todas as modalidades os participantes achegarán unha declaración asinada polo autor/autores do traballo (en formato PDF), na que certifican a súa autoría e a publicación/emisión da obra presentada a este certame, facendo constar o nome do medio de comunicación e a data na que foi publicada/emitida. Se os traballos se publicaron/emitiron sen asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de publicación/emisión e o nome do autor/es.
A participación neste premio periodístico implica a aceptación das bases e quedan excluídos de participar neste certame os funcionarios e o persoal laboral da Deputación de Ourense. Ademais, valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.