Un novo camión de rescate e extinción en altura para o parque do Porriño

O novo vehículo, que terá a súa base en O Porriño, mellorará a capacidade operativa de intervención dos efectivos en intervencións en altura

O Parque do Servizo Contra Incendios do Porriño recibiu hoxe o novo vehículo pesado de rescate e de extinción en altura que se incorpora aos medios materiais do Consorcio provincial, adscrito á Deputación de Pontevedra e participado ao 50% pola Xunta de Galicia. Este novo camión, adquirido á empresa Incipresa cun investimento de 777.304 euros, terá a súa base no Parque de O Porriño aínda que a súa operatividade se estenderá ao resto dos parques do Consorcio radicados en Vilagarcía, Ribadumia, e Bueu.

O obxectivo da adquisición é mellorar o funcionamento e capacidade dos efectivos naquelas intervencións en altura que se presenten. Unha vez que o vehículo xa está no parque, iniciarase un proceso de 10 días de formación de todo o persoal, que permitirá acadar un elevado coñecemento do uso con seguridade do brazo.

En canto ás características técnicas, trátase dun vehículo con chasis-cabina Mercedes-Benz con melloras nas súas características mínimas e condicións operativas. O camión consta de dous brazos articulados que permiten o xiro e traballar ata 5,5 m por debaixo da cota cero; permite a elevación de ata 2000 kg e dispón dunha carga mínima da cesta de gran capacidade, soportando ata 500kg. A cesta do vehículo está dotada de rociadores de auga,  sistema anticolisión e medición do vento automatizados para aumentar  a seguridade do traballo en entornos con fume ou inclemencias meteorolóxicas; dispón de iluminación, carrete de extinción de incendios e tomas de aire respirable aumentando o tempo de traballo e efectividade dos bombeiros.

O camión conta cun monitor para lanzar auga/escuma electro-hidráulico con funcionamento por control remoto e caudal superior aos 2000 l/min, regulándose o alcance de xeito automático. Isto permite que incluso dende a base do camión, un só bombeiro actúe co monitor. Igualmente está dotado de postos de control con pantalla a cor e unidade de mando remoto de control por radio que permite actuar nun radio mínimo de 100m do vehículo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.