USC e ADOS suman forzas para impulsar a doazón altruísta de sangue

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos subministrará ademais mostras ao CiMUS para desenvolver ensaios in vitro, tal e como establece un dos dous convenios de colaboración asinados este martes polo reitor Antonio López e polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña

Promover a doazón de sangue altruísta é a meta dun dos dous convenio de colaboración que a USC asinou este martes coa Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). Ambas as dúas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a USC con periodicidade anual, artelladas en dúas fases: unha primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda; de febreiro a abril.

O segundo dos acordos asinados polo reitor Antonio López e polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, permitirá que ADOS subministre ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) mostras sanguíneas procedentes de doazóns de sangue, para posibilitar o desenvolvemento de ensaios in vitro. Ao acto celebrado no Edificio administrativo da Consellería de Sanidade tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García, e o director xeral de asistencia sanitaria, Jorge Aboal.

Traxectoria de colaboración

USC e ADOS teñen unha longa traxectoria de colaboración no eido da doazón, que ambas as dúas institucións queren impulsar e por en valor. Por este motivo, promoveuse a sinatura deste acordo que reafirma a vontade de colaboración co fin de potenciar liñas de interese común, impulso, sensibilización e promoción da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da USC. Cómpre subliñar, neste senso, que na campaña universitaria de doazón en Galicia obtivéronse, no pasado curso, 4.601 doazóns e que, unha parte moi importante dos novos doadores proveñen desta solidaria iniciativa que contribúe a renovar a base de doantes de Galicia.

Asemade, o segundo convenio de colaboración asinado esta martes contribuirá ao desenvolvemento dun proxecto de investigación no que, dende o CiMUS, se executarán ensaios in vitro para a medida de modulación do sistema inmune por compostos activos en kinasas e receptores nucleares en leucocitos en persoas doadoras sans.

Ampliar e rexuvenecer

USC e ADOS consideran de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia para poder facer fronte aos requerimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na comunidade galega, cun complexo balance sociodemográfico. Deste xeito, USC e ADOS establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria. Pola súa banda, a USC colaborará na difusión dos materiais educativos de ADOS, facilitando o uso das súas plataformas de comunicación, así como os recursos e programas.

Foto portada: Santi Alvite

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.