Veciños de Touro acusan aos promotores da mina de fomentar o conflito social logo da súa denegación.

O colectivo Cornado Mina Non, un dos moitos grupos veciñais de Touro que amosaron o seu rexeitamento ao proxecto de megaminaría, sale ao paso dunha nota de prensa emitida pola autodenominada «Asociación de mineros Touro- O Pino», vinculada coa empresa promotora do fallido proxecto e dirixida por enxeñeiros e outro persoal do sector extractivista chegado dende diferentes partes da península. Neste comunicado os afíns á patronal mineira solicitan un acordo entre a empresa promotora (sancionada múltiples veces por contaminación ambiental e con denuncias na fiscalía de Medio Ambiente) e a Xunta de Galicia para poñer en marcha un proxecto inviable e insostible segundo os técnicos da administración galega.

O colectivo veciñal denuncia a intencionalidade de crear conflito social e fragmentar a sociedade por parte desta asociación con comunicados nos que caricaturizan aos veciños e veciñas de Touro  con frases como «algún ecologista de fin de semana» ou «aquí estamos en la edad del eucalipto y la vaquiña». Sinalan que dende o comezo do conflito intentaron describir aos opositores do seu proxecto como persoas que van en contra do «progreso» e pouco formadas, ao mesmo tempo que adornaban un proxecto de megaminería con termos como sostibilidade . O engano e o malabarismo coas palabras foron a súa principal arma de persuasión. Entre os argumentos máis recorrentes que usaron estiveron a necesidade da explotación mineira para facer posible a «revolución verde», e para iso usaron fragmentos de textos da Comisión Europea eliminando as partes que non lle interesaban como por exemplo: «A Comisión Europea fixa entre os seus obxectivos fundamentais reducir o uso dos recursos a través do deseño de produtos sostibles e o emprego de materias primas secundarias (procedentes da reciclaxe e operacións de valorización)».
Os veciños respóndenlle a este comunicado cunha petición de respecto e humildade, e aseguran que o tempo lles dou a razón coa denegación dun proxecto que segundo os informes técnicos poñería en risco a vida de persoas e afectaría gravemente ás actividades agrogandeiras que caracterizan a zona. Recordan que o rexeitamento do proxecto por parte da sociedade galega, da comunidade científica e dos técnicos que avaliaron o proxecto demostra que son aqueles que o defenden os que buscan o peche de negocios e o silencio dun concello que conta cun sector agroalimentario recoñecido a nivel internacional e cun elevado potencial para actividades turísticas e industriais respectuosas co medio ambiente.
Defensores dun negocio particular, non do emprego. 
O colectivo veciñal remata o seu comunicado con varias preguntas abertas: Como pode ser que aqueles que enarbolan a bandeira do emprego só defendan os intereses dos seus xefes? Por que motivo non esixen a restauración íntegra dos terreos e os ríos afectados con man de obra local? De que mineiros falan nun concello no que as xeracións posteriores ao ano 1986 non recordan outro cousa que non fose os ríos máis contaminados de Galicia?

Un comentario

  • jose manuel fernandez vazquez

    Deberían criticar aos que lle mentiron reiteradamente por exemplo Feijoo,Tahoces,Lavandeira,Paco Gómez, Ignacio Codesido e Manuel Taboada.Un consello aos mineros animen a Cobre San Rafael e a Don Paco Corleone a que recurran aos tribunais se queren un bon abogado falen con quen mais sabe sobre este asunto José Antonio Gómez Pereira secretario do Concello de Touro

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.