Xosé Regueira destaca “o impulso da Reserva da Biosfera” nos novos retos do sector turístico da comarca das Mariñas e Terras do Mandeo

Participou na entrega de distinción aloxamentos da biosfera a nove establecementos do territorio

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou no acto de entrega da distinción de aloxamentos da biosfera a nove establecementos das Mariñas. Na súa intervención, Regueira destacou o papel da Reserva da Biosfera á hora de impulsar o sector turístico para enfrontar os retos post-covid.

Ademais do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, no acto de entrega da distinción dos primeiros aloxamentos da biosfera na Aula da Natureza de Crendes (Abegondo) participaron o presidente da Reserva, José A. Santiso e a responsábel de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro que recoñeceron o esforzo dos primeiros nove aloxamentos do destino que superaron a formación e avaliación como Marca de Calidade da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, a Calidade Turística e a Adhesión das empresas ao Club Ecoturístico de España.

Na súa intervención, Xosé Regueira destacou o papel da Reserva da Biosfera na promoción dos sectores económicos relacionados co turismo que implica, neste caso, dar entidade á cadea de valor do territorio.

“Estamos no primeiro destino de ecoturismo de Galicia que emprende o reto de darlle valor ás súas empresas agroalimentarias, de transformación de alimento e gastronómicas e tamén de aloxamento nun tempo como o que vivimos en que a covid supón un novo reto e tamén unha oportunidade por iso é necesario destacar entidades que son capaces de traballar coa sociedade como é a Reserva da Biosfera”, apuntou Xosé Regueira na súa intervención.

Destacou tamén que a calidade e a sustentabilidade son dúas condicións á hora de afrontar os retos da competitividade cando se poda retomar a normalidade e parabenizou, neste sentido á Reserva por “buscar alianzas e sinerxías como as que estableceu coa cidade en momentos duros da pandemia”.

Da Reserva da Biosfera, que recibe unha subvención de 120.000 euros da área de Turismo da Deputación da Coruña, fixo fincapé que, “ademais de falar de sustentabilidade, fala de negocio e emprego que son ámbitos que fai o sector máis forte e dinamiza economicamente o territorio”.

Albarari-Burbullas Astronómicas, Cabanas de Canide e Hotel Noa Boutique de Oleiros, Hostal Pórticos e Hotel Garelos de Betanzos, Casa de Barreiro de Curtis, Casa de Sixto de Paderne, Hotel A Terraza de Miño e Rectoral de Cines de Oza-Cesuras son os establecementos distinguidos como aloxamentos da biosfera.

No acto, avanzáronse novas iniciativas de dinamización do sector por parte da Reserva da Biosfera como son a implantación de menús da biosfera, experiencias inesquecíbeis, unha nova campaña arredor dos sentidos, unha nova ferramenta de comercialización co obxectivo de acadar a finais deste ano experiencias 100% certificadas como ecoturismo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.