Xurxo Souto celebra 20 anos de literatura presentando, na Casa-Museo Manuel María, Pangalaica e a reedición de O retorno dos homes mariños

Pangalaica recolle pequenos relatos escritos e publicados durante o confinamento

Este sábado, 20 de marzo o, ás 19 horas, Xurxo Souto celebra os seus vinte anos de literatura na Casa-Museo Manuel María e faino presentando o seu último libro escrito, Pangalaica, e a reedición da súa primeira novela, O retorno dos homes mariños, escrita hai vinte anos.  

Pangalaica. Recortes poderosos son oitenta pequenos relatos que foron escritos e publicados durante o confinamento no xornal Nós Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia. A publicación recolle as historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi topando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano; todas somos da aldea; Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!

 

O traballo tirado no mes de novembro de 2020, xa vai pola súa segunda edición.

O retorno dos homes mariños, editada hai máis de vinte anos por Xerais, é unha novela que fala do reencontro da súa xeración, da xente dos barrios, co mar, desde o punto de vista mítico dos homes mariños, mais tamén desde o punto de vista dese mar do que ninguén lles falaba.

Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.

A entrada para asistir a esta actividade é libre mais é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.