2,2M€ para humanizar García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral

A Xunta de Goberno do Concello de Vigo adxudicou a contratación das obras do proxecto de humanización da rúa, que ten un prazo de execución de oito meses e que supoñerá unha renovación completa

O alcalde Abel Caballero deu conta da aprobación en rolda de prensa e cualificou a humanización de “altísimo nivel” coa renovación de canalizacións, pavimentación, xardinería, alumeado, mobiliario ou semáforos. O orzamento da obra suma case 2,2 millóns de euros coa previsión de que estea rematada en oito meses.

Así, o total do importe investido polo goberno municipal na humanización de García Barbón ascende a 6,7 millóns de euros, quedando pendente o tramo que discorre entre Isaac Peral e Sanjurjo Badía.

Con todo, o rexedor responsabilizou á Xunta de Galicia do adiamento das obras “por razóns políticas”, xa que foi licitada en 2019 e debera estar rematada pero o goberno autonómico cuestionou o traslado do conxunto escultórico da rotonda de Isaac Peral, polo que foi preciso reformular o proxecto.

Indemnizacións Covid-19

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén este xoves a indemnización de danos e perdas a consecuencia da suspensión da execución do contrato dos servizos técnicos e docentes para as piscinas cubertas de Travesas, Lavadores, Teis e Valladares e dos servizos para impartir ensinanzas e actividades deportivas nos ximnasios e instalacións dependentes da concellería de Deporte por un importe de 78.548 euros. O goberno municipal xa indemnizara con 152.556 euros á empresa concesionaria pola paralización da actividade no período que comprende desde o 14 de marzo ao 15 de xuño de 2020 polo que suma un total de 231.104 euros.

Amais, quedou aprobada a indemnización polos danos e perdas causados como consecuencia da suspensión da execución dos lotes 1 e 2 do contrato de xestión das Escolas Infantís Municipais de Tomás Alonso e Bouzas, desde o 16 de marzo ao 16 de xullo de 2020, por un importe total de 32.600 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.