A alcaldesa da Bola di agora que encargou un uniforme de policía que «nunca chegou o Concello»

Na contestación por escrito ás preguntas do BNG tampouco aclara como o falso policía local tivo acceso a un vehículo municipal

«O Concello de A Bola encargou un informe xurídico sobre a policía local (aos efectos de coñecer a normativa) e simultaneamente falouse cunha empresa suministradora de uniformes (para averiguar custes) a cal quedou en enviar un uniforme xenérico (sen distintivo municipal) de xeito provisional e a expensas do resultado do informe xurídico (informe que resultou negativo). O uniforme nunca chegou o Concello da Bola nin foi recepcionado por persoal do Concello, consecuentemente non se entregou nin se puido entregar a ninguén», di a alcaldesa da Bola, Teresa Barge (PP), na resposta por escrito ao BNG, que demandou do Concello da Bola explicacións a respecto da presunta contratación dunha persoa que durante horas se fixo pasar por axente de policía local e, segundo testemuñas, utilizou un vehículo de Protección Civil propiedade municipal.

No referido ao uso do vehículo, a contestación da alcaldesa tamén xera dúbidas sobre o control que o Concello ten sobre o mesmo.

Di Teresa Barge que «o vehículo de Protección Civil, e polo tanto as chaves do mesmo, están ao dispor dos voluntarios para os fins propios da agrupación. Polo xeral, os voluntarios, cando o precisan, pasan a recollelas chaves polas oficinas municipais», sen aclarar quen foi a responsábel de facilitar as chaves á persoa que se fixo pasar por policía local e fixo uso do vehículo.  

O BNG solicitará ese informe «xurídico» ao que se refire a alcaldesa así como a constancia do encargo do «uniforme xenérico» e explicacións sobre que motivou tales xestións, dado que Teresa Barge non aclara cal foi a relación do Concello da Bola con ese falso policía nin se o Concello facilitou esta persoa un uniforme nin tampouco como puido acceder a un vehículo propiedade municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.