A Cátedra Fundación Inade-Universidade da Coruña presenta unha guía para introducir aos empresarios na xestión do risco

Mañá mércores, 21 de abril, a Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acollerá unha xornada de Foro Inade para presentar oficialmente o quinto volume da colección “Cadernos da Cátedra”

Esta obra, coordinada por Ángel Santiago Fernández Castro (profesor da área de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade da Coruña e doutor por esta universidade), e elaborada por Rubén Lado Sestayo (profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Santiago de Compostela e doutor por esta universidade) e Fernando de Llano Paz (profesor do Departamento de Empresa da Universidade da Coruña e doutor por esta universidade), ten como obxectivo axudar aos empresarios para poñer en marcha nas súas empresas un plan de xestión de riscos.

O acto inaugural estará presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a quen acompañarán na mesa presidencial, Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Augusto Álvarez, director da área de Internacionalización do IGAPE e José Ramón Santamaría, presidente de Fundación Inade.

O coordinador da obra, Ángel Santiago Fernández, presentará aos asistentes esta guía, que “pretende ser un medio para dar a coñecer o proceso de xestión de riscos e a súa importancia a aqueles empresarios que aínda non o integraron na xerencia ordinaria das súas empresas”.

A continuación, terá lugar unha mesa redonda baixo o título “A xestión do risco: piar básico da xerencia empresarial” na que participarán como relatoras Ana Alonso, vice directora Xeral de Citic Hic Gándara Censa, e Rubén Lado Sestayo, coautor da obra. Estará moderada por Fernando Peña, director da Cátedra Fundación Inade-UDC.

A xornada será semipresencial, xa que dada a situación actual só poderán asistir presencialmente o alumnado da UDC convidado. O resto dos asistentes poderán conectarse a través da canle UDC TV, a inscrición é gratuíta e pode realizarse aquí.

Aos asistentes presenciais entregaráselles un exemplar do caderno, que tamén estará dispoñible para descargar en liña.

Cadernos da Cátedra

A Colección “Cadernos da Cátedra” está formada por unha serie de publicacións (dixitais e en formato papel) que permiten aos empresarios e os seus directivos coñecer en linguaxe sinxela diferentes aspectos relacionados coa Xerencia de Riscos e o Seguro. Os Cadernos son editados por EFI (Editorial Fundación Inade) e elaborados por profesionais vinculados á “Cátedra Fundación Inade-UDC: A xestión do risco e o seguro”.

O primeiro deles centrouse en analizar os dereitos e obrigacións do empresario no contrato de seguro, mentres que o segundo volume profundou na responsabilidade civil do empresario. Pola súa banda, o terceiro volume naceu como un dos primeiros documentos en realizar unha comparativa entre os dereitos e obrigacións dos empresarios españois e portugueses derivados da aplicación das respectivas leis do contrato de seguro e foi editado en castelán e portugués. O cuarto volume tivo como obxectivo analizar como concorren e como poden ser delimitadas as responsabilidades que puidese haber nun accidente de traballo cando interveñen vehículos de motor.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.