A Coruña abre o prazo de solicitude para subvencións a entidades sociais e veciñais

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o obxectivo destas liñas de axudas é “a implicación de todas as entidades que traballan día a día para construír unha Coruña máis solidaria e inclusiva”

Tras a publicación hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, o Concello abrirá mañá –e durante un mes– o prazo de solicitude de tres modalidades de subvencións a entidades sociais e veciñais da cidade por valor de 310.000 euros.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que o obxectivo destas liñas de axudas é “a implicación de todas as entidades que traballan día a día para construír unha Coruña máis solidaria e inclusiva”. Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, destacou a importancia de poñer en marcha programas que sirvan para integrar as persoas en risco de exclusión social: “É necesario desenvolver proxectos para a diversidade e darlles aos distintos grupos sociais as ferramentas coas que favorecer a súa inclusión”.

A Concellería de Benestar Social, Igualdade de Participación aposta por fortalecer o movemento asociativo que traballa pola igualdade de xénero e a diversidade na cidade da Coruña. Así, destina 150.000 euros para apoiar as entidades na promoción da igualdade e inclusión social atendendo ás diversidades existentes e á prevención nas violencias machistas. Dentro desta convocatoria establécense dúas liñas subvencionables: 90.000 euros dirixidos a fortalecer o movemento asociativo no ámbito da acción polos dereitos das mulleres e a non discriminar colectivos e 60.000 euros destinados a previr as violencias machistas e atender as vítimas, así como a defender o recoñecemento e os dereitos das persoas LGTBQI e pola igualdade de xénero.

Por outra banda, o Concello tamén abre o prazo de solicitude para a convocatoria de subvencións ás entidades que desenvolven actividades ou proxectos de promoción e reinserción social por valor de 100.000 euros. O importe máximo para cada proxecto será de 8.000 euros.

Neira explicou a terceira das convocatorias de subvencións cuxo prazo de solicitude bota a andar mañá, a destinada ás asociacións veciñais para o ano 2021 por un importe de 60.000 euros, “que busca apoiar o asociacionismo veciñal por consideralo un dos instrumentos máis importantes que garanten a participación colectiva da cidadanía e contribúen á construción colectiva da nosa cidade”.

Establécense dúas liñas de axuda para esta convocatoria: 35.000 euros para financiar proxectos ou actividades culturais, formativas e educativas de interese social que favorezan a participación activa da veciñanza e 25.000 euros dirixidos a apoiar economicamente o funcionamento das entidades que non dispoñen dun local municipal cedido.

A información sobre as tres convocatorias de subvencións poderá consultarse no portal web da concellería.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.