A Deputación celebra o 30 aniversario do seu Conservatorio de Danza cun ciclo que será inaugurado polo Ministro de Cultura e contará coa estrela internacional Julio Bocca

O ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, inaugurarán o ciclo  o 21 de abril no Teatro Colón da Coruña

A Deputación da Coruña conmemora o 30 aniversario do seu Conservatorio de Danza co ciclo ‘A Mar en Danza’, unha iniciativa que inaugurarán o vindeiro 21 de abril o Ministro de Cultura, José Manuel Rodríguez Uribes, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e que contará con grandes estrelas da danza a nivel internacional, entre elas o célebre bailarín Julio Bocca. O arxentino, unha das grandes figuras da danza a nivel mundial, ofrecerá por primeira vez en España dúas clases maxistrais logo da súa retirada dos escenarios como bailarín no ano 2007, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Danza a finais de abril.

A Mar en Danza’ consiste nunha serie de actividades formativas vinculadas á danza que inclúen clases maxistrais, conferencias e actuacións de artistas de recoñecida traxectoria a nivel internacional. Así, ademais de Julio Bocca, a proposta tamén contará coa participación de figuras de excelencia, como é o caso de Igor Yebra, Lucía Lacarra ou Mathew Golding. Os estudantes e profesionais desta disciplina terán a posibilidade de recibir na Coruña as ensinanzas de bailaríns e bailarinas ou coreógrafos e coreógrafas de primeira liña mundial, sendo partícipes dos seus métodos de traballo e dos seus segredos para imprimir a súa personalidade no baile.

Con esta iniciativa, a Deputación “pretende posicionar á Coruña como un referente no ámbito da danza a nivel nacional”, explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que destacou tamén o valor “da formación que recibirá o alumnado do conservatorio, unha oportunidade única para aprender dos mellores talentos do mundo e seguir os pasos de antigas alumnas e alumnos do Conservatorio que hoxe triunfan e ballets e compañías de danza de todo o mundo”.

O acto inaugural do ciclo celebrarase o 21 de abril no Teatro Colón da Coruña e estará presidido polo ministro de Cultura e Deporte, José Manuel Rodríguez Uribes, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o director do Conservatorio de Danza, Luciano Gómez, e a directora da iniciativa, Carlota Ojea, de Que Arte Producciones.

Será o 28 de abril cando Julio Bocca imparta a súa clase maxistral dirixida ao alumnado e ao profesorado do Conservatorio de Danza. Ao día seguinte, o 29 de abril, dará outra clase no Teatro Colón que será aberta ao público e, ao finalizar, terá lugar unha conferencia e coloquio baixo o título ‘Un café con Julio Bocca’. A entrada para a sesión, que comezará ás 18.30 horas, será gratuíta até completar a capacidade do recinto. Os convites poderanse retirar, previamente, a través do web https://teatrocolon.sacatuentrada.es/.

De cara ao outono, no mes de outubro, será o bailarín vasco Igor Yebra o encargado de continuar as clases maxistrais do ciclo ‘A Mar en Danza’. O día 6 dese mes será no Conservatorio de Danza e o día 7 no Teatro Colón, tamén con conferencia e coloquio.

Como broche dourado da primeira edición do ciclo, no mes de novembro presentarase no Teatro Colón o espectáculo ‘Fordlandia’ coa bailarina vasca Lucía Lacarra e o bailarín canadense Mathew Golding. O 19 dese mes Lucía Lacarra ofrecerá unha clase maxistral e unha conferencia sobre o espectáculo, que se presentará o 20 de novembro e ese día o alumnado do Conservatorio de Danza da Coruña poderá ver a preparación dos bailaríns antes da función.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.