A Deputación da Coruña adxudica por 269.210 euros a construción da rotonda en Frais (Cambre) para mellorar as conexións cos polígonos de Espíritu Santo e Bergondo

A actuación, que transformará o actual cruce nunha rotonda de 36 metros de diámetro, permitirá mellorar a seguridade viaria nesta intersección da estrada provincial DP-1703 de Espíritu Santo a Frais e a autonómica AC-214 de Guísamo a Sigrás

A Deputación da Coruña vén de adxudicar por 269.210 euros as obras de construción dunha nova rotonda no Concello de Cambre que regulará o cruce da estrada provincial DP-1703 de Espíritu Santo a Frais e a autonómica AC-24 de Guísamo a Sigrás.

Hoxe firmouse o contrato para a execución deste proxecto, que permitirá mellorar a seguridade viaria nunha intersección que actualmente se resolve cun cruce en forma de T e soporta un volume moi elevado de tráfico, especialmente de vehículos pesados, xa que se trata dun vial que empregan numerosos traballadores dos polígonos industriais de Espíritu Santo e Bergondo. Así mesmo, a DP-1703 tamén conecta coa estrada N-VI, funcionando coma eixo transversal de conexión entre os concellos de Bergondo, Cambre e Culleredo. Por este motivo, a intersección actual resulta especialmente conflitiva e incluso perigosa cando conflúen varios vehículos.

A nova rotonda, que se situará no punto quilométrico 2+500 á altura do lugar de Frais, en Cambre, terá un diámetro exterior de 36 metros e contará con dous carrís de circulación. Deste modo, reordenarase a circulación no cruce, eliminando o punto conflitivo e aumentando a capacidade da vía.

O prazo de execución dos traballos estímase en catro meses a partir do seu inicio e o proxecto encargado polo departamento de Vías e Obras da Deputación determina que todas as actuacións se efectuarán sen necesidade de desvíos provisionais do tráfico.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.