A Deputación da Coruña apoia as reivindicacións de SOS Sanidade Pública para “a recuperación da atención presencial nos centros de saúde”

Valentín González Formoso transmitiulle ao presidente da plataforma, Xosé Dios, que o Goberno provincial levará ao pleno unha moción de apoio ás demandas da entidade

A Deputación da Coruña apoia á plataforma SOS Sanidade Pública nas súas reivindicacións para recuperar o sistema sanitario público galego tras a pandemia da covid-19.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, comunicoulle ao presidente de SOS Sanidade Pública, Xosé Dios, que o Goberno provincial levará ao pleno unha moción de apoio ás demandas da entidade, entre as que figura a recuperación da atención presencial nos centros de saúde.

A plataforma denuncia que a situación actual obrigou a suspender consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, obstaculizando a atención necesaria a outras enfermidades que non sexan a covid-19, así como a posibilidade de ofrecer unha boa atención ás persoas afectadas por esta patoloxía. Tamén fai fincapé na precariedade e inestabilidade laboral á que está sometido o persoal sanitario. A platafoma incide na necesidade de elaborar un Plan para a Recuperación do Sistema Sanitario Público en Galicia.

SOS Sanidade Pública indica no seu manifesto que a Atención Primaria galega chegou a esta situación xa moi deteriorada tras sucesivos recortes no eido sanitario, non contando cos recursos humanos, materiais e organizativos necesarios.

“Como ben me transmitía o presidente de SOS Sanidade Pública, esta situación está a crear dificultades á hora de que a cidadanía acceda aos Centros de Saúde e ás probas diagnósticas e especialidades hospitalarias, supoñendo isto un grave problema sanitario que está a xerar un crecente malestar social e no persoal da sanidade, que cada día pon todo o seu empeño e esforzo pero que segue baixo unhas pésimas condicións”, sinalou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

Desde a entidade sinalan que as dificultades para comunicarse cos centros e recibir asistencia persoal está a “favorecer que a poboación recorra ao sector privado, o que incrementa as desigualdades de saúde”.

A plataforma sinalou que a Xunta aproveitou a alarma social para modificar por segunda vez a Lei Galega de Saúde “coa finalidade de recortar dereitos e liberdades cívicas fundamentais de xeito inconstitucional. Recordemos que na anterior reforma da Lei quitáronse catro Áreas Sanitarias”.

SOS Sanidade destaca que son o SERGAS e á Consellería de Sanidade os que teñen a responsabilidade neste ámbito. “Os orzamentos da Xunta, e a financiación que veña da Unión Europea, deben destinarse a incrementar os profesionais deste eido, darlles estabilidade e evitar a precariedade, mellorar as infraestruturas de atención sanitaria e investigación de saúde, e aumentar categorías profesionais, como psicólogos e psicólogas clínicas, terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas, logopedas, etc.”, afirman desde a plataforma.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.