A Deputación de Lugo formaliza ante notaria a extinción de SUPLUSA

O Presidente e os liquidadores asinaron este martes a escritura da extinción da Sociedade Urbanística Provincial, logo de que fora sometida a exposición pública e non se rexistraran alegacións

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e demais liquidadores de Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), participaron este martes na sinatura da escritura pública da extinción de SUPLUSA ante Notaria, nun acto que tivo lugar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos.

Este é o último paso para formalización da extinción da sociedade, logo de que fora sometida a exposición pública e non se rexistraran alegacións. A Comisión Liquidadora, formada por representantes dos tres grupos políticos con representación na institución, remataron o proceso de liquidación nun tempo récord, dun ano e dous meses. E, despois, o Pleno da Deputación de Lugo celebrado de forma extraordinaria o 30 de novembro, adoptou a decisión de extinguir SUPLUSA.

Un proceso que garante o compromiso feito pola institución provincial de manter todos e cada un dos postos de traballo das persoas que traballaban en SUPLUSA e de protexer os seus dereitos laborais. Así mesmo, ao eliminar o último ente instrumental que quedaba na Deputación, vese cumprido un  acordo recollido no pacto de goberno do PSdG e o BNG, que fará á administración máis eficaz e útil para a cidadanía, gañando máis control dos fondos públicos e máis transparencia.

Efectos da extinción de SUPLUSA para a Deputación

A Deputación faise cargo dos bens inmobles de SUPLUSA, cun valor de taxación que ascende aos 24,3M€. Entre eles, atópanse terreos, parcelas, edificios, naves, maquinaria, medios auxiliares e vehículos, entre outros.

Igualmente, a Deputación asume a xestión dos polígonos industriais nos diferentes puntos nos que se encontran cada un deles. A xestión dos polígonos é o único servizo que ofrecía xa SUPLUSA, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, se decidise encargar á empresa pública TRAGSA, como medio propio da institución, o mantemento e conservación de zonas verdes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.