A Deputación de Lugo inicia os traballos de construción do Parque Central de Galicia

Este luns comezaron en Antas de Ulla as actuacións dunha primeira fase do proxecto, que contemplan os labores de adecuación do terreo, a corta de eucaliptos, a roza de maleza e a preparación da sementeira do céspede

A Deputación de Lugo iniciou este luns os traballos de construción do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla, cumprindo así o compromiso do Presidente da institución, José Tomé Roca. “Comeza a primeira fase dos traballos deste proxecto de provincia co que se porá en valor o centro xeográfico de Galicia, que se sitúa en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante”, informa.

“Queremos proxectar a riqueza natural, a flora e as árbores do lugar e, ao mesmo tempo, promocionar a zona como reclamo turístico neste espectacular proxecto”, explica o Presidente. O espazo natural está formado por unha masa arbórea autóctona de carballos, bidueiros e pinos do país que se van conservar, dado o seu importante valor ambiental.

Tomé Roca salienta que esta primeira fase consiste na corta da plantación de eucaliptos onde se ubicará o futuro parque infantil e na plantación de especies autóctonas, como carballos e castaños. Á súa vez, tamén se inician as tarefas de silvicultura, que van consistir na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies.

Así mesmo, tamén comezaron as actuacións de laboreo, que consisten na preparación da terra. É preciso regularizar e alisar a superficie do terreo para poder explanar os lugares nos que se levantará o edificio multiusos, se construirá a praza e se farán os viais de acceso e secundarios para desprazarse ao longo do Parque.

Seguidamente, acometeranse os labores de fresado para triturar e mesturar en profundidade os restos de maleza, raíces que afloren do arranque de cotóns, restos de poda e, sobre todo, da grosa capa de folla acumulada para poder sementar o céspede. Relevante tamén é o proceso de fertilización para lograr uns niveis óptimos de PH que posibiliten a implantación do novo céspede.

Sementeira

Para o Parque Central de Galicia optouse por unha fórmula de pratenses para a plantación do céspede baseada en especies de fácil adaptación ao terreo, que resisten ben o tránsito de persoas, que se recuperan ben despois da seca do verán e que perduran durante bastante tempo sen que se deteriore a súa calidade. Farase unha mestura de diferentes especies para asegurar que se reparte da maneira máis idónea e equitativa ao longo de toda a extensión, e lograr así un correcto desenvolvemento da sementeira. As especies elixidas son lolium perenne nun 50%, festuca rubra  nun 30%, poa pratensis nun 15% e agrostis capillaris, nun 5%.

Un proxecto de provincia

O Presidente salienta que este “é un proxecto de provincia no que se vai poñer en valor un recurso natural moi importante coma este, que vai ser un revulsivo para economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e creando emprego”.

O Parque Central de Galicia contará cunha extensión de máis de 45.000 m2 de extensión nunhas fincas que xa adquiriu a institución provincial. A zona de acceso ao Parque Central contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-0301, en Nugallás. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na se levantará un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Ao seu lado dereito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monólito, está prevista a construción dun edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais, e reunións, entre outras.

O proxecto da Deputación contempla a creación dun estacionamento paralelo á estrada provincial LU-P-0301, habilitando prazas con capacidade para que aparquen coches, autobuses, motos e bicicletas, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

O Parque Central de Galicia incluirá numerosos sendeiros para goce dos visitantes e persoas que se acheguen ata alí. Paseos por unha carballeira que Tomé Roca cualificou como “espectacular”, e que se atopa na superficie adquirida pola institución provincial. Nos terreos vaise traballar para rozar toda a maleza existente, cortar os eucaliptos e realizar entresacas e podas de ramas baixas. Ademais, tamén se efectuarán os labores precisos para que se poida sementar herba e manter nunhas condicións idóneas o conxunto da extensión da finca.

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.