A Deputación ofrece ao Liceo colaboración para a organización da Copa do Rei e da Raíña de Hockey na Coruña

O evento celebrarase entre o 10 e 13 de xuño no Pazo dos Deportes de Riazor, coincidindo co 50 aniversario do recinto deportivo herculino

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Deportes, Cristina Capelán, visitaron hoxe no Palacio dos Deportes de Riazor ao Hockey Club Liceo, onde mantiveron un encontro co presidente da entidade, Daniel Etcheverría, o director deportivo, José Luis Huelves, e os xogadores.

Valentín González Formoso trasladou o seus ánimos aos xogadores, que esta fin de semana despediu as súas aspiracións europeas tras perder co Benfica de Lisboa en Portugal, e ofreceu o apoio da Deputación para a organización da Copa do Rei e da Reina de Hockey, que se celebrarán no Pazo dos Deportes de Riazor entre o 10 e o 13 de xuño, coincidindo tamén co 50 aniversario do emblemático recinto deportivo, que será a cuarta vez que acolla este torneo celebrado tamén na Coruña en 1964,1984 e 2009.

González Formoso destacou a traxectoria do club deportivo máis laureado de Galicia, cun palmarés que inclúe varios campionatos de Europa e que é “un auténtico embaixador da cidade e da provincia da Coruña” que no seu case medio século de historia contou sempre co apoio da Deputación. O ano pasado, a institución provincial apoiou a actividade do club con 80.000 euros.

O presidente lembrou que ata o día 15 está aberto o prazo de solicitudes das subvencións que convoca a área de Deportes da Deputación para grandes eventos deportivos, cun orzamento de medio millón de euros. A través desta liña, a institución provincial colabora na organización de múltiples eventos de especial relevancia que, ademais de fomentar o deporte, contribúen a proxectar a imaxe da provincia da Coruña a nivel nacional e internacional. Probas coma o Pantín Classic, o campionato de España de Surf celebrado en Valdoviño ou os rallyes da Coruña, Ferrol e Terra da Auga (Arzúa), entre outras, contaron o ano pasado co apoio económico da Deputación.

Máis de 4M€ para apoiar o deporte coruñés

González Formoso destacou que este ano a área provincial de Deportes destina 4,4 millóns de euros para apoiar a concellos, entidades e clubs no fomento do deporte na provincia da Coruña e que máis de 500 clubs recibiron o apoio da Deputación para as súas actividades, unha cifra que espera incrementar este ano, xa que debido á Covid-19, moitas entidades tiveron que renunciar a desenvolver actividades o ano pasado.

“Desde o  deporte de base aos grandes eventos deportivos, a Deputación está presente, apoiando aos nosos clubs e deportistas para situalos na vangarda do deporte galego”, sostivo o presidente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.