A poboación de Padrón, a que máis doa sangue en Galicia

A veciñanza de Padrón eríxese como a máis comprometida coa doazón de sangue na comunidade galega. O concello de Padrón acadou a maior taxa de doazón de sangue de Galicia en 2020, cun total de 833 doazóns ao longo deste exercicio. Esta cifra representa 100 doazóns por cada 1.000 habitantes durante un ano, unha media moi superior á establecida pola Organización Mundial da Saúde –dun total de 40 doazóns por cada 1.000 habitantes-. A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia vén de enviar unha carta de agradecemento ao Concello de Padrón pola “encomiable” colaboración da cidadanía, pola labor de sensibilización social a prol da doazón de sangue por parte do persoal técnico do Concello e pola súa implicación coa organización das campañas.

Como explican na misiva, as circunstancias da pandemia da Covid-19 obrigaron á modificación dos protocolos de doazón establecidos, porén grazas a resposta cidadá puidéronse atender todas as necesidades que se presentaron nos hospitais galegos ao longo do ano. Dende ADOS agradecen a solidariedade da veciñanza de Padrón, así como a labor do persoal traballador do Concello pola súa implicación cada vez que se desprazou unha unidade móbil ao municipio.

“É un orgullo recibir esta carta de agradecemento pola solidariedade da nosa veciñanza. Non tiña dúbida de que os padroneses e padronesas ían estar a altura, pero o feito de que sexamos o Concello que máis doazóns efectuou no 2020 supera todas as expectativas”, subliñou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Foto portada. Arquivo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.