A Superliga que xa existe. Por @DulceCorcu

Rídiculo, fracaso, metedura de pata, esperpento” calquera desas expresións estivo na primeira plana dos medios no que levamos de semana a conta da ocurrencia desa “Superliga” de clubes que ían revolucionar o mundo do fútbol para, segundo o que estaba chamado a ser o seu primeiro presidente Florentino Pérez, e actualmente dirixente do Real Madrid, revitalizalo e facelo rexurdir da ruína económica na que asegura está sumido. E probablemente sexa certo, sen venda de entradas a prezo de ouro, sen camisolas que custan o salario semanal de moitos e moitas traballadoras ou sen poder renovar carnés que só terían utilidade simbólica neste ano rexido pola pandemia e a ausencia de afeccionados nas grandes competicións.  Finalmente, a tal Superliga parece que vai quedar nunha crónica de morte anunciada, con todos equipos implicados xa desvinculados agás o Barcelona e o Real Madrid, inmersos aínda na quimeira de encher petos a conta de non ter que xogar contra equipos de provincias que son os que levan os beneficios nesas citas mentres o deles queda devaluado.

Todo isto levou a unha boa chea de afeccionados a lembrarse de que hai fútbol e competición alén o que nos televisan, aquel onde o único negocio pasa polo que esteas desposto a sacrificar: cartos, tempo, traballo, esforzo e adicación sen aplausos nin portadas. Sen palco nin canapés, pero con choiva e vento a esgalla. Con presidentes que adiantan os cartos para poder facer as fichas dos xogadores, que cada fin de tempada ben poderían ter convalidado un máster en relacións públicas despois de horas tentando convencer a xogadores para os seus equipos a cambio dun bocadillo e un refresco tras cada partido. Con moita sorte, algún desfrutará dunha axuda económica que compense as viaxes e os quilómetros percorridos. Bancadas cheas de veciñanza, de rapaces que visten as cores da súa vila co mesmo orgullo que se fose un gañador da Champions, que xogarán cos maiores moito antes de acabar a etapa xuvenil e que aprenderán da man dos mesmos que admiraban anos atrás. Co tempo, é posible que tamén acaben adestrando ás xeracións que veñen detrás nun ciclo interminable de entrega ás cores. Iso que se chama canteira, en realidade. Clubes convertidos en auténticos clans familiares onde xogan irmás, primos ou pai e fillo, feitos con amor e por amor, con escudos que non se bican para a cámara porque non hai cámaras, pero que moitos non se quitan nin cando se desvisten, sempre pegado a pel. A verdadeira Superliga é a comarcal, a rexional, calquera onde o público fai fotos cos seus xogadores se quere, que non chegan en coches con lunas tintadas nin cascos nas orellas.
A que ten directivos que deixan súor e xornadas de intensa búsqueda de patrocinadores e socios, que patean empresas e locais que colaboren no que boamente poidan. Nada que despois  non se recupere cun churrasco no campo en equipo, ao remate do entreno e antes do partido do domingo contra uns rivais cos que a véspera, ese mesmo sábado, se tomarán unhas cañas nalgún bar da contorna. Porque o fútbol, na nosa Superliga, non é unha máquina de facer cartos…Senón unha ferramenta para crear paixón e unha fidelidade a proba de talonario.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.