ABANCA alcanza os 100.000M€ de negocio e obtén un beneficio de 137 millóns, un 8,2% máis que o ano anterior

O crédito a clientes crece un 13,2% e os recursos de clientes un 17,1% destacando o aumento dos fondos de investimento

ABANCA obtivo no primeiro trimestre de 2021 un beneficio atribuído de 137,4 millóns de euros, un 8,2% máis que no mesmo período do ano pasado.

O arranque do ano puxo de manifesto a súa capacidade de xeración de ingresos recorrentes, que creceron un 10,7%, así como a súa posición de liderado no sector por calidade de activos, cun cociente de morosidade do 2,0% e unha cobertura de activos dubidosos do 83,4%.

Tras a integración contable de Bankoa e a adquisición da rede española de Novo Banco, ABANCA superou os 100.000 millóns de euros de volume de negocio. A operación de Novo Banco, sexta de ABANCA desde 2014, fortalece o seu posicionamento en banca persoal e fóra de Galicia.

Desde o inicio da pandemia, ABANCA formalizou máis de 3.200 millóns de euros en créditos ICO e aplicou medidas de flexibilización financeira para familias por importe de 1.200 millóns de euros.

No terreo da sostibilidade, ABANCA seguiu dando pasos na construción do seu modelo de banca responsable e sostible e coa súa contribución ao desenvolvemento social e á protección ambiental.

Calidade da carteira

ABANCA continúa sendo a mellor entidade do sistema financeiro español por calidade de activo. Os activos dubidosos reducíronse un 19,5% (un 24,1% sen Bankoa), co que a taxa de morosidade situouse no 2,0%, á cabeza do sector e practicamente a metade que a media española (3,9%) e por baixo da media europea.

Esta elevada calidade crediticia ten unha das súas bases na diversificación sectorial, algo especialmente relevante no actual contexto económico. Ademais, o principal mercado da entidade, a comunidade de Galicia, continúa mostrando un mellor comportamento que o conxunto de España tanto en termos de indicadores macroeconómicos como de evolución da pandemia.

A taxa de cobertura de dubidosos é do 83,4% (destacando especialmente a taxa de cobertura do 107,0% en pemes e grandes empresas). Combinando provisións e solvencia, ABANCA presenta un cociente Texas do 27,2%, claramente por baixo do 30%, o que acredita a súa posición como a primeira entidade financeira española en canto a calidade crediticia.

Crecemento de ingresos recorrentes

A marxe básica creceu un 10,7% interanual como resultado do bo comportamento da marxe de intereses e os ingresos por prestación de servizos bancarios. A marxe de intereses mellorou un 9,5%, mentres que os ingresos por prestación de servizos aumentaron un 13,7%.

Este bo desempeño viuse complementado pola mellora da eficiencia, que posibilitou duplicar a marxe de explotación recorrente fronte ao mesmo período do ano anterior. Illando o efecto das integracións (Bankoa), os custos ordinarios reducíronse nun 7,9% grazas aos proxectos de racionalización e ás sinerxías procedentes das integracións de negocios realizadas, que se situaron por encima dos obxectivos fixados.

O custo do risco, situado no 0,26%, mantense contido grazas ao esforzo realizado durante 2020 en anticipación de provisións e á boa calidade crediticia da carteira.

Volume de negocio

ABANCA eleva o seu volume de negocio un 20,2% e o sitúa por encima dos 100.000 millóns, tendo en conta a recente adquisición de Novo Banco España. Sen ter en conta esta última adquisición, cuxa integración contable se producirá en próximos trimestres, a entidade alcanzou os 98.487 millóns de euros, un 15,1% máis que hai un ano, grazas ao crecemento equilibrado do crédito e os recursos de clientes.

A carteira de crédito a clientes en situación normal, onde destaca o peso do financiamento a familias e empresas, situouse en 42.068 millóns de euros tras un crecemento interanual do 13,2% (8,5% sen Bankoa). Os recursos de clientes alcanzaron os 55.783 millóns de euros tras crecer un 17,1% (11,4% sen Bankoa). Os depósitos de clientes, principal compoñente da estrutura de financiamento do banco, creceron un 15,2% (10,9% sen Bankoa) e alcanzaron os 44.551 millóns de euros.

Os seguros e a captación de recursos fóra de balance mostran un comportamento igualmente dinámico. O fóra de balance creceu un 25,7% (13,2% sen contar Bankoa), cun incremento da cota de mercado de 16 p.b. en fondos de investimento, de 11 p.b. en plans de pensións e de 4 p.b. en seguros vida aforro. ABANCA alcanzou unha cota de mercado do 3,6% no total de subscricións netas de fondos de investimento no trimestre en España.

As primas de seguros xerais e vida risco creceron un 13,4%, cun comportamento moi homoxéneo nos diferentes segmentos. Vida risco creceu un 14%, pagos protexidos un 13%, saúde un 12% e empresas un 9%.

Solvencia e liquidez

En materia de solvencia, o cociente de capital de ABANCA quedou situado no 17,4% (13,3% capital máxima calidade CET1). Grazas a unha estrutura de capital diversificada, a entidade dispón de amplos colchóns sobre os requisitos establecidos: 510 p.b. (1.614 millóns) en capital total e 534 p.b. (1.688 millóns de euros) en CET1.

A entidade dispón así mesmo dunha cómoda posición de liquidez baseada en depósitos minoristas, principal compoñente da súa estrutura de financiamento, da que supón o 72% do total. A entidade presenta un cociente de créditos sobre depósitos minoristas (LTD minorista) do 95,9% e dispón de 17.511 millóns de euros entre activos líquidos (12.041 millóns) e capacidade de emisión de cédulas (5.470 millóns). Con iso cobre catro veces os seus vencementos previstos de emisións.

Os cocientes de financiamento neto estable NSFR e de cobertura de liquidez LCR están situados, respectivamente, no 129% e o 259%, niveis que cumpren amplamente cos requisitos regulatorios de Basilea III.

Apoio financiero a empresas e familias

A estratexia de apoio integral de ABANCA á sociedade para afrontar as consecuencias económicas do COVID-19 traduciuse na formalización de operacións de financiamento con aval do ICO por importe de 3.234 millóns de euros (1.821 millóns para pemes e autónomos e 1.413 millóns para empresas) durante a pandemia.

Adicionalmente, ABANCA aplicou a familias e empresas medidas de flexibilización de pagos por importe de 1.268 millóns de euros, dos cales 855 millóns corresponden a hipotecas e 414 a outras operacións de financiamento. Desta maneira, o apoio da entidade chegou ao 5,7% da carteira de hipotecas e ao 5,9% da carteira de préstamos ao consumo.

A peche de marzo, os saldos vivos de moratorias outorgadas a clientes ascenden ao 4,6% da carteira de hipotecas e 1,8% da carteira de préstamos ao consumo. É destacable o bo comportamento crediticio por parte dos clientes cuxas moratorias xa expiraron. Menos do 2% entraron en mora, o que referenda a utilidade destes mecanismos para axudar a familias e empresas.

A sostibilidade no centro da estratexia

ABANCA vén desenvolvendo nos últimos anos diversas actuacións para fomentar a creación dun modelo económico máis sostible e exercer un papel activo na transformación da sociedade. ABANCA é un dos signatarios fundadores dos Principios de Banca Responsable de Nacións Unidas e adheriuse tanto ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática promovido por UNEP FI, como ao Acordo polo Clima alcanzado polas principais entidades financeiras españolas na COP25 de Madrid.

O banco foi a primeira entidade financeira española en asinar os Principios de Investimento Responsable e os Principios para un Océano Sostible, dúas iniciativas de ámbito internacional promovidas por Nacións Unidas.

Durante o primeiro trimestre de 2021 ABANCA conseguiu o certificado de AENOR de Residuo Cero para as súas sedes corporativas e converteuse na primeira entidade financeira que colabora co proxecto Datadis para integrar e optimizar o consumo de enerxía. Ademais fortaleceu a súa oferta de actividades de educación financeira coas que anualmente chega a unhas 100.000 persoas de todas as idades.

Por outra banda, a través de Afundación, a Obra Social de ABANCA, lanzouse o programa Plancton para fomentar a conservación e sostibilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en catro das Zonas de Especial Protección para as Aves de ámbito mariño existentes en Galicia dentro da Rede Natura 2000.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.