Adxudicada a mellora da seguridade na DP-0513 de Pontemuíños a Caión, que conecta Arteixo e A Laracha

As tarefas permitirán renovar o pavimento da plataforma, que sorporta un elevado tráfico de vehículos pesados debido á súa proximidade a unha canteira

A Deputación da Coruña adxudica por 201.964,73 euros a pavimentación da estrada provincial DP-0513 de Pontemuiños a Caión por Paiosaco, que conecta os municipios de Arteixo e A Laracha.

O deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, afirmou que as obras comezarán de inmediato e permitirán mellorar a seguridade nesta vía, que conta cun elevado tráfico de vehículos pesados debido á súa proximidade a unha canteira.

Os traballos realizaranse entre os puntos quilométricos 1+490 e 4+740, onde se levará a cabo o fresado e reposición das zonas deterioradas e de entronque con outras vías ou entradas a parcelas e o extendido dunha capa de mestura bituminosa en quente.

O proxecto inclúe tamén a limpeza e desbroce de arcéns e cunetas, a renovación da sinalización horizontal e o reforzo da vertical, con sinais de limitación de velocidade, paso estreito e intersección con prioridade.

Ao longo do período de execución do proxecto (tres meses) manterase o tráfico rodado na vía, que sempre contará cun carril habilitado para os desprazamentos.

A Deputación da Coruña segue a traballar na mellora dos máis de 2.100 quilómetros de viais provinciais a través da realización de obras de mantemento, reparación de firme e pavimentación co obxectivo de adaptar estas vías ao tráfico rodado e peonil de cada zona e mellorar así a seguridade da rede provincial de estradas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.