Ailá lanza o seu primeiro disco o 26 de abril coa intención “de facer festa e bailar”

O grupo súmase ao panorama musical galego para dotar á tradición oral do país de sonoridades modernas a través das músicas festivasO panorama musical galego abre as portas a Ailá, unha nova agrupación que bebe da tradición oral para ofrecer unha visión moderna e lúdica da creación colectiva. O cuarteto, conformado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín (Radio Cos, Banda das Crechas), lanzará o vindeiro luns 26 de abril o seu primeiro traballo discográfico, Ailá. Con el, o baile e a festa estarán garantidas.

Ailá é unha emoción feita palabra. O propio nome do grupo, e deste disco, é un neoloxismo que fai referencia a unha redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalalá. Neste sentido, Ailá procura achegar ao público a esencia máis fonda da música tradicional. “O canto e o baile tradicional tiveron unha función vertebradora na vida da comunidade galega. Nelas a danza e a diversión, os momentos máis lúdicos, ocuparon un papel fundamental, e cremos que cada xeración debe recrear e revitalizar estas músicas para que pervivan. Con Ailá queremos facer festa, facer bailar”, sinalan os membros da banda, que proceden de diversas agrupacións folclóricas e charangas.

O novo proxecto musical, fraguado nas noites de foliada na Casa das Crechas, pretende espallar polo país a vertente festiva do baile e o canto tradicional, achegándose tamén ás xeracións máis novas. Para iso, Ailá presenta un repertorio confirmado polo análise e investigación en numerosos arquivos sonoros, aos que dotan de arranxos e ritmos modernos. A hibridación con outras sonoridades, sen perder a singulariedade das músicas de raíz, fan de Ailá unha proposta festiva, coidada e meticulosa que dá boa conta do inmenso patrimonio vinculado ao canto e danza tradicional.

O vindeiro 26 de abril verá a luz o seu primeiro álbum de estudio, Ailá, do que xa se coñecen temas como Muiñeira de Frades ou De Lusada. Este será o punto de partida dunha prometedora e apaixonante traxectoria artística e festiva.

Foto portada: Sara Pardo Lareo

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.