Alertan da ameaza á Red Natura “Pena Trevinca” pola contaminación da mina de Penouta

Ecoloxistas en Acción solicita que o proxecto de explotación da mina de Penouta en Viana do Bolo sexa denegado, pois implicaría a continuación de verteduras directas con altas concentracións de metais pesados con impacto inmediato sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000

A organización ecoloxisa denuncia que, como o propio informe ambiental reflicte, as masas de auga de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca, Balsa Frente de Explotación e Rego dos Corvos superaran en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo, evidenciando o estado de contaminación grave por metais pesados actual e a ausencia de calquera previsión de tratamento para impedir a continuidade desta situación, que pretende “normalizarse” considerando estes niveis ilegais como “niveis de referencia”.

A mina da Penouta no concello de Viana do Bolo, alertan as ecoloxistas, é un gran foco de contaminación con metais pesados das masas de auga circundantes (situadas en Rede Natura 2000), tanto polas características xeoquímicas do xacemento como polo incumprimento por parte das sucesivas concesionarias e da administración das súas obrigas en materia de restauración do espazo afectado por actividades mineiras. A situación de contaminación elevada no contexto da explotación mineira que agora pretende ampliarse é sobradamente coñecida pola administración.

Ecoloxistas en Acción alerta dos enormes riscos asociados á extración de máis de 100 millóns de toneladas (50 Mt na primeira fase que contempla este proxecto e outros 53 Mt de mineral nunha seguinte etapa continuando a explotación cara cotas inferiores), que deixarían detrás 25,6 millóns de metros cúbicos de residuos xeradores de drenaxes ácidas só para a primeira fase, que, expostos ás condicións de meteorización en superficie, producirán de forma constante drenaxes ácidas de mina capaces de contaminar as augas superficiais e subterráneas con metais pesados, incluídas substancias perigosas prioritarias, nunha zona contigua a varios espazos protexidos da Rede Natura 2000. Denuncian a temeridade da administración ao pretender autorizar un proxecto sen garantías das solución propostas tanto para o almacenamento como o tratamento dos residuos mineiros e augas ácidas de mina.

A organización ecoloxista sinala a responsabilidade directa da Administración Mineira e Ambiental, pois estas autorizaron un proxecto de aproveitamento de recursos da Sección B, cuxa explotación se efectúa desde 2017, e que ven á luz destes datos incumprindo sistemáticamente a súa DIA de 2013, ante a pasividade e omisión de control absoluta por parte das Autoridades, situación que só cabe esperar viría a agravarse co proxecto proposto, o cal xustifica a necesidade da súa denegación.

“A administración Mineira e Ambiental galega debe poñer inmediatamente en coñecemento da autoridade hidráulica a grave contaminación por metais pesados causada pola actvidade mineira que ven descrita no Estudo Hidrolóxico do propio proxecto” -declara Montse Valencia, voceira de Ecoloxistas en Acción Ourense- “Deben iniciar os correspondentes expedientes sancionadores contra as empresas e persoas responsábeis e ademais dar traslado á Fiscalía por presunto delito ambiental e contra a saúde pública”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.