Aposta pola música contemporánea na cuarta edición do Festival RESIS

O tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, sinalou que a vangarda é o lugar natural da cultura coruñesa, unha vangarda que a cita potenciará do 22 de abril ao 6 de xuño en concertos repartidos entre nove escenarios

O tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá en Palexco a cuarta edición do Festival Resis, que se celebrará do 22 de abril ao 6 de xuño en distintos espazos da cidade. A música contemporánea será protagonista dun evento que “se define como de ‘artes vivas’, sinalou o edil, e que suporá a estrea de 34 obras, 17 delas de xeito absoluto, e as outras 17, en Galicia.

Borrego explicou que o goberno de Inés Rey incrementou este ano a achega para que o RESIS dera un salto, tras confirmar a súa calidade e orixinalidade nas anteriores entregas. O tenente de alcaldesa afirmou que a cultura é un sector básico e unha actividade esencial, “pero tamén acreditamos que A Coruña conta cunha vocación cultural avanzada que non podemos perder”. Neste punto, engadiu que a vangarda é o lugar natural da cultura coruñesa, e destacou que a iniciativa combinará arte con música, como ocorrerá en Palexco, onde haberá varios concertos, que terán de pano de fondo a exposición colectiva sobre a pandemia.

Pola súa parte, o director do Festival RESIS e compositor, Hugo Gómez-Chao comentou que a cita será unha oportunidade para coñecer por vez primeira pezas de artistas de primeiro nivel nunha edición en que pretenden que se consolide como referente na creación contemporánea en España. Como novidade, contará coa colaboración especial da Orquestra Sinfónica de Galicia, cuxo xerente, Andrés Lacasa, abordou o proxecto 20/21, en que están incluídos sete dos concertos programados, en que se estrearán composicións que previamente lles encargaron a autoras/es galegas/os. O responsable agradeceulle ao Concello o seu compromiso pola cultura, o que permitiu que esta, pese a todo, dera pasos cara diante.

As obras serán interpretadas por grupos de cámara da OSG nun formato inédito e o RESIS completará a súa posta en escena coa participación doutras/os artistas e grupos referentes como Roberto Oliveira, que estará con Mikrokosmos; Pulso Ensemble, que presentará “Realidade”; o Grupo Ixor, que ofrecerá “Sólidos e Líquidos”; Elisa Vázquez Doval co concerto para piano “Telescope”, ou o recital de Cuarteto Matrice titulado “Ombra Di Suono”, en que intervirá tamén a artista plástica Iria do Castelo.

O concerto “Gran Torso” pechará o festival no Teatro Colón coa estrea de “JALONS”, de Iannis Xenakis, considerada unha obra cume da vangarda europea do século pasado. Ademais, “Erlantz”, de Ramón Lazkano; e “Tres pinturas imaxinarias”, de Alberto Pousadas, soarán por primeira vez en Galicia. Pola súa parte, Gómez-Chao presentará “Agón” para gran ensemble, nun programa dirixido por Nacho de Paz, que tocará Vertixe Sonora Ensemble.

O carácter vangardista do RESIS estará moi presente no acto inaugural do 22 de abril, ás 20.30 horas, na Fundación Luis Seoane, coa videoinstalación “Formas da aparencia”, da creadora visual Verónica Vicente e coa participación de Chus Álvarez como narradora. Así mesmo, a actriz introducirá outras citas do festival, en que ademais dos concertos, se desfrutará da instalación sonora Gra(fo)nemas, da artista Miryam Pato, que estará desde o 30 de abril, ás 20.00 horas, na casa museo Casares Quiroga, onde permanecerá até o 6 de xuño.

As entradas para todos os espectáculos serán de balde, mais se deberán reservar as invitacións para recollelas fisicamente desde o 16 de abril nos escenarios nos que terán lugar. As capacidades estarán limitadas polas restricións da Covid-19.

Neste aspecto, a situación sanitaria actual levou á organización do RESIS xunto co Concello e a Deputación a optaren por espazos como a Fundación Luis Seoane, a Igrexa das Capuchinas, a casa museo Casares Quiroga, a sala municipal de Palexco, a Domus, o Muncyt, o Aquarium Finisterrae, a sala do pazo municipal e o Teatro Colón.

As persoas interesadas poderán consultar toda a programación e horarios na páxina web www.resisfestival.com e nas redes sociais de @resisfestival en Instagram, Twitter e Facebook. Os concertos subiranse á canle de Youtube do festival.

No acto, ademáis de Gómez-Chao e Andrés Lacasa, tamén interveu o responsable de cultura da Deputación, Xurxo Couto, que remarcou o impulso que o festival lle dará á lingua galega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.