As traballadoras do SAF de Monterroso recollen 2.000 sinaturas contra a privatización do servizo

O persoal entrega as firmas este xoves no rexistro do Concello

As  traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Monterroso farán  entrega hoxe xoves, 15 de Abril, dun total de 1920 sinaturas recollidas entre a veciñanza do municipio en rexeitamento á privatización do SAF iniciado polo Goberno municipal e para demandar un servizo 100% público, estábel e de calidade.

Desde a CIG amosan a “satisfacción polo apoio dos veciños e veciñas na defensa dun servizo público de tante necesidade como é Servizo de Axuda no Fogar”.

A recollida de sinaturas “manifesta claramente a deslexitimación do goberno municipal á hora da adopción de dita medida, posto que o número de sinaturas recollidas é superior ampliamente ao número de votos dos partidos que compoñen a coalición de goberno”. Lembremos que o PP acadou 695 votos e IxM acadou 798 votos, se ben IxM non levaba no seu programa electoral nada relativo á privatización do servizo, e que a súa presenza no grupo de goberno é froito dunha división interna no grupo, e que polo tanto non conta co apoio de todos os seus votantes.

Desde a CIG chaman ao grupo de goberno á reconsideración desta medida “posto que a privatización do servizo vai a supor un encarecemento do mesmo e tamén un deterioro progresivo do servizo posto que para unha empresa privada o que prima é o beneficio e non a calidade do servizo, e xustamente o beneficio aumenta a costa de recortar na calidade do servizo”.

“Entendemos que a privatización é unha decisión absolutamente antidemocrática, posto que ainda que o goberno teña a maioría absoluta no pleno, esa maioría non é real, e o que se produce finalmente con esta decisión unilateral e tomada ás costas das persoas traballadoras do servizo é unha perversión do sistema democrático” declaran dende o sindicato.

Baixo estas circunstancias a CIG continuará a “desenvolver accións mobilizadoras para esixir do goberno municipal que reconsidere esta medida e que manteña o servizo con xestión directa con caracter público, así como que adopte as medidas que a Lei lle permite para contratr persoal sen a titulación requerida mentres non haxa persoal suficiente coa titulación para cubrir a demanda de persoal que se precisa para o servizo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.